O estímulo á contratación de obra pública ou a creación do chamado Observatorio da Construción, entre os temas debatidos na xuntanza dos construtores cos conselleiros de Economía, Vivenda, Traballo e Política Territorial.
A reunión foi este mércores, un día despois de que desde o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia se agoirase que aumentará a entrada de expedientes de concurso de acredores (suspensión de pagamentos) por parte de promotoras e construtoras. Á xuntanza, celebrada en Monte Pío, acudiu o presidente da Xunta e os conselleiros de Vivenda, Teresa Táboas; de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio; de Traballo, Ricardo Varela; e de Política Territorial, María Xosé Caride. No outro lado da mesa, estiveron entre outros os presidentes respectivos das asociacións provinciais de empresarios promotores, así como o presidente da Federación Galega de Construtores, Elixio Nieto, e o presidente da Federación de Promotores de Edificación e Solo de Galicia, Xavier Garrido.
A patronal da construción chegaba a esta xuntanza cunha reclamación principal: axilizar a licitación de obra pública, mentres que de xeito específico, os representantes das empresas promotoras pedían ademais solucións aos problemas de financiamento no sector. Segundo os representantes do sector, existe un freo na licitación de obra pública e ao tempo quéixanse de que a nova Lei de Contratos do Estado, en vigor desde hai dous meses, causou un parón polas dúbidas nos pregos de contratación. Por outra parte, sinalan as cifras de venda en 2008, cun descenso arredor do 40% respecto ao mesmo período do ano anterior. Tamén se queixan do problema de financiamento. "Os bancos endureceron moito as condicións para conceder un crédito", afirma Nieto, para quen as taxadoras terían "orde de taxar por debaixo do prezo do piso".
Entre outros, na xuntanza deste mércores acordaron a creación o próximo mes de setembro do Observatorio da Construción. Trataríase dun "instrumento estábel" de seguimento da situación do sector da construción, con participación da administración e o sector. Por outro lado, desde o Goberno destacan que na altura de xullo licitouse xa obra pública por valor de 775 millóns de euros, o que sería a metade do obxectivo fixado a comezo de ano de chegar aos 1.500 millóns de euros neste apartado. Do mesmo xeito, desde a Xunta destacan tamén a próxima aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Protección do Litoral, como instrumentos que impulsarán tamén a actividade no sector.