O Consello da Xuventude convoca un concurso de cartazes para unha campaña de prevención da SIDA.
O Consello da Xuventude de Galicia ven de convocar o concurso de carteis "Estamos a velas vir..." coa finalidade de crear a imaxe e lema da nova campaña de prevención da sida para a mocidade.
O concurso está dirixido a mozas/os con idades comprendidas entre 14 e 35 anos e o seu obxectivo é favorecer a participación da mocidade no deseño de novos materiais informativos poñendo en práctica a creatividade, a linguaxe e o modo de entendernos entre os máis novos.
Esta campaña pretende reforzar a idea positiva da prevención nas relacións sexuais. O cartaz amosará unha información clara e sinxela para os xoves e ha contribuír á aceptación e normalización do uso do preservativo.
Hai que ter en conta
Valoraranse mensaxes que transmitan ideas e actitudes positivas, é dicir, evitarase basearse no medo e na ameaza. O público obxectivo da campaña é a poboación xuvenil. O lema do cartaz ha estar escrito en lingua galega.
O prazo de presentación rematará o 10 de outubro de 2008. Os proxectos deberán remitirse por correo electrónico ao seguinte enderezo: info@cxg.org. Os concursantes deberán cubrir e enviar xunto co seu cartaz un formulario que atoparán na web do Consello de Xuventude, onde tamén poden consultar as bases. A decisión do xurado farase pública o 15 de outubro de 2008 na web Consello da Xuventude.
O premio será de 1000 € para a persoa autora do cartaz gañador, máis un diploma acreditativo.