O presidente francés visita a república para debater o futuro do tratado de Lisboa.
O presidente francés chegaba o luns a Dublín nunha visita lóstrego - cinco horas botou Nicolas Sarkozy na capital irlandesa. Nunha conferencia de prensa conxunta co Taoiseach, Brian Cowen, Sarkozy negou que a Unión Europea vaia impoñer un segundo referendo sobre o Tratado de Lisboa.
Sarkozy reuniuse na capital irlandesa con varios representantes políticos a favor do Tratado de Lisboa, así como con membros de grupos da campaña do ‘Non’.
Os irlandeses rexeitaron o Tratado de Lisboa nun referendo celebrado o 12 de xuño e varios xornais da república tiñan suxerido a intención do presidente francés de ‘forzar’ un segundo referendo no electorado irlandés. Na rolda de prensa celebrada en Dublín, Sarkozy negou estas acusacións.
O Taoiseach Brian Cowen, pola sua parte, asegurou que non hai unha ‘solución preparada’ ao problema que supón para a Unión Europea o resultado do referendo irlandés e que o goberno da república traballara xunto cos outros estados membros para chegar a unha resolución.
Varios centos de manifestantes opostos ao Tratado de Lisboa, concentráronse ás portas dos edificios gobernamentais en Dublín durante a visita de Sarkozy con cartaces preguntando "que significa democracia en Europa?".