Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise

Xaque humanitario

Sorpréndenos que nestes días, case ninguén diga nada fronte ao "todo vale" que encerra a Operación Jaque impulsada polo goberno colombiano. Reflexión de Francisco Rey, do IECAH.

Francisco Rey - IECAH - 11:00 19/07/2008

Este artigo, publicado o pasado día 11 de xullo por Radio Nederland, cobra se cabe máis importancia tras as declaracións de Álvaro Uribe nas que admite que se utilizou o emblema da Cruz Vermella no rescate. Francisco Rey Marcos acertou claramente nas súas críticas a algúns dos aspectos da operación, a pesar de non coñecerse no momento de redactar o artigo todos os detalles que agora sabemos.



Vaia por diante a alegría pola liberación dos quince secuestrados en poder das FARC e porque a chamada Operación Xaque se levase a cabo sen disparar un só tiro e sen aparentes medidas de violencia. Talvez tardemos tempo en coñecer todos os pormenores da operación, pero iso non quita que o principal, desde calquera perspectiva, sexa o manifestar a solidariedade e o apoio a unhas persoas que estaban sendo cruelmente privadas da súa liberdade e dos seus máis mínimos dereitos por parte do grupo insurxente. E, por suposto, vaia tamén por diante o desexo de que o resto de secuestrados sexan liberados e que iso supoña camiñar cara á paz.

Con todo, deixando claras estas premisas, convén, pasados uns días da liberación, facerse algunhas preguntas e facer algunhas reflexións que, para os que nos dedicamos á acción humanitaria e estamos convencidos de que esta pode achegar algo á humanización dos conflitos violentos, teñen relevancia. Pode un exército disfrazarse de organización humanitaria e suplantala co pretendido obxectivo de liberar a uns secuestrados? E se así fóra, podería facelo tamén un grupo guerrilleiro para liberar a prisioneiros en mans do exército? poderían facelo ambos os grupos para obter vantaxes militares? E neste mesmo sentido, que pasaría se os militares disfrazados de ONG tivesen que disparar e causasen baixas aos guerrilleiros? e se tivesen baixas nas súas filas por ser atacados polas FARC? Insistimos en que estas preguntas non son simplemente teóricas. Hai ONGs e o propio CICR (Comité Internacional da Cruz Vermella) que intentan fornecer axuda humanitaria ás vítimas en zonas baixo o control das FARC ou mediar no conflito e que poden, sen dúbida, ver afectado o seu labor, construído tras anos de esforzos e de mantemento dunha estrita neutralidade, por estes feitos.

O Dereito Internacional Humanitario (DIH), tanto o contido nos Convenios de Xenebra e os seus Protocolos Adicionais, como o considerado consuetudinario, permite as estrataxemas a condición de que non violen o DIH. É dicir, entende que as estrataxemas, entendidas como actos destinados a confundir ao inimigo mediante o engano, a utilización de informacións falsas, e un longo etcétera, son algo case consustancial á acción militar nas guerras. Agora ben, pon certos límites a estas estrataxemas cando se fai un uso indebido dos emblemas de protección contidos nos Convenios de Xenebra ou doutros símbolos ou emblemas identificativos como a bandeira branca de parlamento, os uniformes das Nacións Unidas, e outros. A propia Corte Constitucional colombiana nunha sentenza de 1997 estabelecía que estas estrataxemas militares debían ser conformes coas normas constitucionais, recoñecendo implicitamente o seu uso nun conflito interno como o que vive aquel país.

Pero o DIH diferencia estas situacións do que se denomina perfidia, é dicir aqueles actos que "apelando á boa fe dun adversario con intención de traizoala, dean a entender a este que ten dereito a protección, ou que está obrigado a concedela, de conformidade coas normas de dereito internacional aplicábeis nos conflitos armados" (Protocolo I de 1977 artigo 37). E é máis, concrétase que entre os actos de perfidia atópase o "simular o estatuto de persoa civil non combatente, e simular que se posúe un estatuto de protección mediante o uso de signos, emblemas ou uniformes da ONU ou de Estados neutrais ou doutros Estados que non sexan partes do conflito" (Mesmo artigo puntos c e d). Outros artigos do Protocolo I estabelecen que o uso dos emblemas da Cruz Vermella ou o abuso doutros emblemas, signos ou sinais protectores internacionalmente recoñecidos son tamén perfidia e xa que logo delitos de guerra.

Polos datos que hoxe temos da Operación Xaque (profusamente difundidos algúns, e menos claros outros), parece claro que o exército colombiano apelou á boa fe dos guerrilleiros presentándose como ONG e facendo un uso de emblemas moi similares aos do CICR: helicóptero branco cunha raia de cor vermella. Non buscaba, aparentemente, con iso obter unha vantaxe militar e como sinalamos, afortunadamente non se disparou un só tiro. Pero se así fose, e causase baixas, atopariámonos hoxe ante unha situación xuridicamente moito máis complexa. E sorpréndenos que nestes días, case ninguén diga nada fronte ao "todo vale" que encerra a Operación Jaque.

Resulta moi significativo a estes efectos que o CICR se apresurase a distanciarse destes feitos e publicase unha nota do seu responsábel para América, María Dos Anjos Gussing, que entre outras cousas di: "En primeiro lugar, sempre nos aseguramos de que ambas as partes acepten o noso papel como intermediario humanitario neutral. En segundo lugar, obtemos garantías de seguridade de ambas as partes para realizar a operación. En terceiro lugar, esta debe poder realizarse segundo os nosos procedementos, incluída a sinalización dos avións ou os vehículos cos emblemas da Cruz Vermella. Ademais, en cada avión ou vehículo debe haber delegados do CICR que deberán asumir as decisións que sexa necesario tomar durante a operación. Traballar deste xeito permitiunos facilitar a liberación de ducias de reféns e persoas privadas de liberdade en Colombia nos últimos anos".

E preguntada en concreto sobre se participaban en operativos militares deixou claro que: "Non, o CICR non participa en ningunha operación militar das partes en conflito, porque iso atentaría contra a nosa neutralidade e independencia. Pero non se trata só de nós. Concretamente, isto ten consecuencias directas na nosa capacidade de aliviar o sufrimento dos centos de miles de persoas ás que actualmente estamos prestando asistencia en Colombia".

A espectacularidade mediática e a utilización política da Operación Jaque non debe facernos esquecer que moitos reféns seguen estando retidos en Colombia, que moitas comunidades seguen estando confinadas, e que naqueles lugares só o CICR e algunhas ONG e a propia Pastoral Social ou Cáritas prestan axuda ou tratan de incidir en favor das vítimas. E os efectos a medio prazo da Operación Jaque poden ser para eles moi negativos.


Ligazóns

3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: