Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Denuncia da American Civil Liberties Union

A listaxe de terroristas sospeitosos usada por EUA alcanza o millón de persoas

O rexistro, creado pola Administración Bush logo do 11-S para ser usado nos aeroportos, inclúe -entre outros- o nome dun ex alto cargo do goberno.

Redacción - 14:30 16/07/2008
A listaxe é usada polos funcionarios de seguridade dos aeroportos

A listaxe é usada polos funcionarios de seguridade dos aeroportos

O rexistro do Computer Assisted Passenger Prescreening System (CAPPS), sistema contra terrorista do goberno de EUA máis coñecido como 'listaxe de vixilancia de terroristas', contén na actualidade arredor dun millón de nomes.

A asociación de defensa dos dereitos civís, American Civil Liberties Union (ACLU), denunciou esta semana o feito, sinalando que a nova marca "simboliza perfectamente" a política "errónea" da administración estadounidense no eido da seguridade. O goberno de George Bush creou o CAPPS despois do 11-S co fin de alertar os funcionarios dos aeroportos de posíbeis ameazas para a seguridade interna do país.

"Poñer un millón de nomes nunha lista de vixilancia é garantía de que vai haber máis prexuízos que beneficios, ao interferir na viaxe de xente inocente e gastando unha cantidade inmensa dos nosos recursos limitados en seguridade en trámites burocráticos", afirmou Barry Steinhardt, un dos responsábeis da ACLU.

Neste senso, dende a asociación reclámanlle ao vindeiro presidente estadounidense que revise a listaxe e que a reduza exclusivamente a ameazas "verosímiles". Namentres, o Departamento de Seguridade Interna facilitoulles aos cidadáns a posibilidade de reclamar a súa inclusión no rexistro cun formulario pendurado da súa web.

"Membros do Congreso, heroes de guerra, ..."

Esta mesma semana, o máximo responsábel da sección criminal do Departamento de Xustiza de EUA durante a Presidencia de Bill Clinton, Jim Robinson, informaba en conferencia de prensa que o seu nome aparecía na listaxe.

Ao igual que "membros do Congreso, monxas, heroes de guerra e outros 'personaxes sospeitosos'", afirman dende a ACLU, moitos destes "sometidos a intensos interrogatorios" nos aeroportos.

Entre os máis famosos están o presidente de Bolivia, Evo Morales e o ex mandatario de Sudáfrica, Nelson Mandela, así como o músico londinense Yusuf Islam, máis coñecido como Cat Stevens. Outros como o senador Edward Kennedy formaron parte da listaxe, aínda que xa foi retirado.


Ligazóns

3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: