Milleiros de sudaneses manifestáronse este domingo en apoio de Omar Al Bashir, e en contra do xulgado da Haia.
Protestas deste domingo
O Tribunal Penal Internacional (TPI) podería imputar o presidente de Sudán, Omar Al Bashir, por crimes contra a humanidade e xenocidio na rexión de Darfur, logo de que o fiscal xeral, Luis Moreno Ocampo, pediu a súa detención, tal e como estaba previsto.
En Darfur morreron máis de 300 mil persoas dende febreiro de 2003 e hai millóns de desprazados en Sudán e decenas de miles de refuxiados nos veciños Chad e República Centroafricana. Organismos internacionais acusan o goberno sudanés de mobilizar as milicias árabes para atacaren os cidadáns negros de Darfur, logo dos rebeldes tomaren as armas en 2003, algo que a Administración sempre negou.
A Unión Africana advirte dos "riscos"
Este domingo, milleiros de persoas manifestáronse en Khartún, a capital de Sudán, en contra do tribunal e de Moreno, e en apoio do presidente. "Adiante, Bashir, somos os teus soldados" e "Ocampo vergoña" foron algúns dos lemas coreados. Ademais, arremeteron contra EUA, o que acusan de estar detrás da decisión do TPI.
Pola súa banda, o Consello de paz e seguridade da Unión Africana (UA) alertou esta fin de semana sobre os riscos de inculpar a membros do goberno sudanés. O Consello reafirmou o "compromiso da UA na loita contra a impunidade", mais advertiu " contra os riscos dunha acción (legal) contra certas personalidades, que podería comprometer a paz no continente".
O secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon tamén amosou a súa preocupación, mais engadiu que "ninguén pode evadir a Xustiza". Mentres, o partido do goberno sudanés, Congreso Nacional, predixo "máis violencia e sangue" en Darfur, e unha das faccións do grupo rebelde Exército de Liberación Popular de Sudán congratulouse da noticia.
De ser finalmente acusado polo tribunal da Haia, Bashir converteríase no terceiro presidente en exercicio en ser perseguido por unha institución internacional, despois do serbio Slobodan Milosevic e o liberiano Charles Taylor.