O Parlamento Europeo considera esta medida como unha forma de discriminación étnica
O Parlamento Europeo rexeita os plans do goberno italiano para a identificación dos xitanos no país e considera que a toma de pegadas dactilares supón un acto de discriminación étnica.
Deputados dos grupos Socialista, Liberal, Verde e da Esquerda Unitaria presentaron ante o Pleno da Eurocámara unha resolución que foi apoiada por 336 votos a favor, 220 en contra e 77 abstencións para frear o plan de Berlusconi a prol da identificación dos xitanos de Italia mediante a toma das súas pegadas dixitais “para protexer os nenos”.
No texto recentemente aprobado, os eurodeputados instan ás autoridades italianas a que se absteñan de recompilar as pegadas da poboación caló, menores incluídos, posto que “constituiría claramente un acto de discriminación baseado na raza e na orixe étnica”.
E mentres que a Comisión Europea avalía as medidas que tiña previsto tomar o goberno de Silvio Berlusconi, os eurodeputados piden tamén que as pegadas xa recompiladas non sexan empregadas a ningún efecto. O Parlamento Europeo asegura que o xeito máis adecuado que ten o goberno italiano para protexer aos menores xitanos é “garantirlles o acceso á educación, á vivenda e a atención sanitaria, e protexelos contra a explotación”.
O ministro italiano do Interior, Roberto Maroni, comunicou que a toma de pegadas dactilares só se levará a cabo “se non hai outro xeito de identificar aos individuos”. O comisario europeo de Xustiza e Interior, Jacques Barrot explicou que a toma de datos a un grupo étnico específico vulnera as normas europeas contra a discriminación.