En protesta pola medida, intelectuais e políticos achegáronse á sede do Ministerio de Interior en Roma para que lles foran tamén tomadas as pegadas dixitais.
O ministro de Interior, Roberto Maroni ( Liga Norte), rexeita as críticas e asegura que non paralizará a medida
A prensa italiana compara xa a iniciativa impulsada polo goberno de Silvio Berlusconi con leis raciais deseñadas na época de Mussolini. Tamén daquela, segundo recordan desde colectivos en defensa dos dereitos civís, o goberno aseguraba tomar esa iniciativa "para protexer os xudeus".
Con escusa parecida actúa o actual executivo, que nomeou comisarios especiais para os xitanos nas principais cidades do país e iniciou a elaboración de fichas específicas para cada veciño dos campamentos xitanos en cada localidade, incluídos os nenos. De xeito específico, o executivo italiano considera que os cativos xitanos son usados para pedir esmola "e cometer delitos".
O proxecto foi criticado entre outros pola propia Unicef e polo Parlamento Europeo, malia que non se anunciaron medidas concretas de presión contra a iniciativa. Mesmo a influínte revista católica Famiglia Cristiana cualificou de "racista" e "indecente" a decisión do goberno Berlusconi.