A canle pública cita unha "fonte fiábel", que seguiu de perto os acontecementos. Estados Unidos "estaría na orixe da transacción".
A emisora de radio pública francófona de Suíza, Radio Suisse Romande (RSR), publica este venres en exclusiva a información dunha "fonte de fiabilidade contrastada en reiteradas ocasións durante os últimos anos", que asegura que o goberno do presidente Álvaro Uribe puido pagar un rescate de 20 millóns de dólares (12,5 millóns de euros) ás FARC pola liberación de Ingrid Betancourt e outros 14 reféns da guerrilla.
Esta mesma fonte afirma que Estados Unidos "estaría na orixe da transacción", xa que os tres estadounidenses retidos forman parte do FBI (axencia federal que habitualmente non actúa no estranxeiro), e que foron alí enviados por encargo da DEA (axencia encargada de perseguir os delitos de narcotráfico).
Segundo a RSR, a esposa dun dos gardiáns dos reféns, tamén guerrilleira, exerceu de intermediaria para a transacción, logo de ser detida polo exército colombiano. Unha vez reintegrada nas FARC, conseguiu que o seu marido, Geraldo Aguiar, cambiase de campamento.
Eleccións anticipadas
A "posta en escena" da liberación dos reféns permítelle a Uribe manterse "na súa liña que exclúe calquera negociación cos rebeldes até que non se libere os reféns", segundo a mesma fonte. "Este golpe de efecto permítelle recuperar o seu prestixio" pouco despois de pedir no Congreso unha convocatoria de eleccións presidenciais anticipadas, segundo a RSR.
Argumenta ademais, que os propios reféns foron enganados, e que salvo raras imaxes non se distribuíu a gravación completa da operación. En xeral este tipo de actuación sempre se filman dende o principio até o final por un membro do comando.