Proxectarase tamén en Compostela e en Pontevedra. No noso país só o 12 por cento da poboación apoia a tauromaquia.
A primeira proxección do filme documental Animal, de Ángel Mora, farase en Ferrol, a vindeira sexta feira, ás 19:00 horas no Ateneo. A entrada é de balde.
O día 21 poderase ver en Compostela, na sede do Club Internacional de Prensa (Avda. da Coruña, 6 baixo ), e en Pontevedra (a única cidade galega na que aínda hai unha praza de touros), tamén se ha proxectar, mais a data e o lugar aínda non están fechados.
O filme chega ao noso país a través da campaña Galiza, mellor sen touradas, que organiza a Asociación Animalista Libera!, a plataforma internacional Stop Our Shame e o CAS. O obxectivo que se persegue levándoa por Galiza adiante é desenvolver "unha clara contraprogramación de verdadeira cultura ao 'espectáculo' taurino" que ten lugar cada ano en varias cidades galegas.
Animal, o filme
Como contan na súa web, Animal é unha longametraxe de ficción que inclúe unha metraxe documental sobre as "torturas e posterior agonía que á que é sometido o touro bravo". Ademais, recolle os testemuños de personalidades, activistas pro-dereitos dos animais, políticos... abordando a "cruel realidade que se agocha" tras a chamada "festa nacional", mais deixando, ao final, a pesar das duras imaxes, "unha mensaxe de esperanza".