É a única ONG que falará da cooperación dende a perspectiva galega e de xénero.
María Reimóndez e Andrea García participarán na décima edición do prestixioso Women's Worlds, un congreso interdisciplinario que comezou en 1981 e que este ano deu en celebrarse na Universidade Complutense de Madrid entre o tres e o nove de xullo.
Segundo explica Reimóndez a Vieiros, a importancia desta xuntanza internacional baséase en tres piares: carácter interdisciplinario, relevancia das poñentes e intercambio de experiencias. No Women's Worlds/Mundos de mulleres participan activistas e investigadoras en tódolos campos (dereitos humanos, saúde, artes, urbanismo, acción política legal...), que poderán intercambiar experiencias en pequenas mesas de conversa e nos encontros en espazos comúns á parte das sesións ordinarias.
As dúas propostas de Implicadas “A creación da outra: a imaxe das mulleres do sur na cooperación ao desenvolvemento” e máis “A unión das voces das mulleres como estratexia de cooperación ao desenvolvemento” fan fincapé no xeito como as ONGs do mundo desenvolvido presentan ás mulleres do sur ou de estados con menos recursos. Implicadas/os no desenvolvemento loita contra a tendencia de presentar a estas mulleres como vítimas e non como protagonistas e traballa na visibilización da situación das mulleres dos países en vías de desenvolvemento.