O responsábel da Mocidade pola Normalización di que a ruptura da transmisión interxeracional está a acelerarse.
O responsábel da Mocidade da Mesa pola Normalización Lingüística, Fran Rei, alertou este martes de que a desgaleguización segue avanzando imparábel entre a mocidade. Segundo Rei, o número de mozos que falan habitualmente a lingua do país non chega ao 35%. Pola contra, subliña que na última década aumentou case dez puntos o número de mozos que só empregan o castelán.
Logo de comparecer diante dunha comisión parlamentaria que está a analizar o cumprimento da lexislación de normalización, Rei aseguroulle a Europa Press que a xeración actual “é a primeira que xa non ten a lingua galega como lingua habitual nin como primeira lingua” e afirmou que os datos que manexa a Mesa “evidencian unha ruptura cada vez máis acelerada da transmisión interxeracional”.
Dende A Mesa sosteñen que, contra a crenza de moitos, entre a xuventude aínda persisten moitos tópicos como os que asocian aos galegofalantes con “xente que vén da aldea ou que ten unha filiación nacionalista”.