A modificación da Carta Magna permitiulle ao actual presidente de Colombia poder ser reelixido nas eleccións de 2006.
Álvaro Uribe
O Tribunal Supremo de Colombia solicitoulle esta quinta feira ao Constitucional e á Fiscalía Xeral que revisen a reforma da Carta Magna aprobada polo Congreso en 2005. Esta modificación permitiu en 2006 a reelección do presidente Álvaro Uribe para un segundo mandato de catro anos.
Segundo o Supremo houbo "unha clara desviación de poder", ao fixar unha condena de 47 meses de prisión por suborno á ex congresista Yidis Medina, que co seu voto afirmativo salvou a iniciativa que autorizou a reelección.
O pasado luns, a Fiscalía de Colombia abriu unha investigación formal contra o ex ministro do Interior e actual embaixador en Italia, Sabas Pretelt, por presunto suborno para lograr a aprobación da reforma constitucional.
Referendo
Porén, Uribe desafiou os xuíces, os que acusou de se prestaren á "trampa do poder do terrorismo agónico", e anunciou este venres que lle pedirá ao Congreso que convoque un referendo para decidir se se deben repetir as eleccións de 2006, porque a situación non se pode resolver "por vías xudiciais", senón "nas urnas".