Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AUDIOVISUAL

As televisións públicas francesas comezarán a suprimir a publicidade en 2009

Segundo o proxecto de Sarkozy, as empresas de telefonía achegarán o 0,9% dos seus ingresos e as televisións privadas, o 3%.

Redacción - 12:30 26/06/2008

A televisión pública francesa comezará a suprimir a publicidade xa dende o 1 de xaneiro de 2009. A iniciativa impulsada polo presidente da República Francesa, Nicolas Sarkozy, prevé que o orzamento das canles estatais se financien mediante canons aos operadores de internet e de telefonía e mais cunha porcentaxe dos ingresos das televisións privadas.

Despois dunha análise de catro meses efectuada por un comité especializado, o proxecto contempla que desaparezan os anuncios entre as oito do serán e as seis da madrugada xa dende o ano que vén, e que o resto se vaia suprimindo até o 1 de decembro de 2011, cando as cinco canles públicas francesas deixen de emitir por completo publicidade.

France Télévisions non se financiará exclusivamente mediante un canon pagado polos telespectadores, como acontece, por exemplo, coa BBC británica, nin mediante os orzamentos estatais, como a ABC australiana, senón mediante un imposto que afectará a empresas privadas: o 0,9% da facturación dos operadores de telefonía e de internet e o 3% dos ingresos publicitarios das televisións comerciais, o que pode supoñer arredor de 80 millóns de euros ao ano.

Sarkozy asegurou que deste xeito se evita a privatización do ente público, aínda que a oposición ve esa intención a longo prazo. A primeira canle, TF1, xa fora privatizada en 1987 por Jacques Chirac e o seu propietario, Martin Bouygues, é amigo de Sarkozy.


4,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: