Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
O abuso do porno, queixa máis habitual

Os nenos suecos, preocupados pola adicción dos seus pais á internet

Unha asociación do país escandinavo recibe cada vez máis queixas pola mala conduta de pais 'enganchados' á rede.

Redacción - 11:30 26/06/2008

O uso da internet está tan estendido en países como Suecia que alí son os cativos os que se queixan do excesivo uso que fan da rede os seus pais. Segundo un informe do organismo Barnens Rätt i Samhället (BRIS, Dereitos dos nenos na sociedade), no último ano producíronse 1.895 denuncias relacionadas coa informática, e delas, máis de cen foron de nenos preocupados pola conduta paterna perante a internet.

A queixa máis habitual, segundo informa The Local, son os pais que visitan webs pornográficas ou que cometeron infidelidades na rede. Achegaron testemuñas como "semella que o meu pai é infiel", escrita por un rapaz de quince anos ou "lin os seus rexistros do messenger, só por curiosidade. E entón vin que estaba falando con rapazas novas. A parte máis desagradábel é que ten 53 anos!".

Outros rapaces entran en máis detalles: "e falan de sexo e de como se van coñecer e todo. Danme ganas de vomitar", e tamén amosan a súa preocupación: "non sei se llo teño que dicir a mamá porque estou preocupada por se se divorcia. Por favor, que podo facer?"

O informe evidencia que a xente nova non é a única que pasa unha cantidade excesiva de tempo diante do computador. Unha rapaza de 12 anos chamou á organización para explicar que xa case nunca fala coa súa nai. Segundo ela, a nai pasa a meirande parte do tempo medio espida diante do computador e enviando todos de si mesma pola internet.

Outra nena, de 13 anos, explica: "Sei que soa ridículo pero a miña nai comezou a xogar ao World of Warcraft. Este verán pasou sentada día e noite e esqueceu o que é importante para min. E cando non está no computador é como unha alma perdida. Só mira á fronte e non di nada".

Porén, a pesar de que a conduta dos pais na internet é un problema crecente, a maioría dos casos tratados pola asociación están relacionados con amor e amizade (47%), insultos e ameazas (15%) e sexo (10%).


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: