Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Déficit no control das fontes

Descoordinación entre administracións e abandono dos mananciais públicos

Os ecoloxistas ven en casos como o recente en Lugo o resultado da "clara desatención" do rico patrimonio das augas públicas.

Redacción - 09:00 24/06/2008

Son xa dúas ducias de persoas as que tiveron que recibir atención hospitalaria en Lugo debido á auga que beberan dunha fonte d'O Castiñeiro, na propia cidade. Consultados ao respecto, desde a Consellaría de Medio Ambiente recoñecen a inexistencia dunha catalogación polo miúdo dos mananciais públicos e trasládanlle a responsabilidade no seguimento do estado das fontes ao departamento de Sanidade. Ao fío, desde a Consellaría de Sanidade lembran que hai dous anos realizouse unha modificación no procedemento legal referido a estes mananciais, de xeito que agora son responsabilidade directa dos gobernos locais respectivos onde se atope a fonte. Así, a eles lles correspondería no seu caso a catalogación e a revisión periódica do seu estado. Porén, non están obrigados a realizala, e non todos os municipios realizan o seguimento completo das súas fontes.

Xa que logo, Sanidade só actúa agora mesmo de oficio ou debido á existencia de denuncia previa en casos moi concretos, e realiza ademais controis aleatorios do estado deste tipo de augas. A nivel dos concellos, non é esixíbel legalmente máis dunha análise semestral e só se reforza o control no caso de atoparen os técnicos algún parámetro fóra do normal. Nese contexto, e tal e como admiten desde a propia delegación de Sanidade na provincia de Lugo, é "difícil" evitar casos como o agora acontecido porque a contaminación pode producirse "dun momento para outro" e por causas diversas, desde roturas no sistema de alcantarillado até vertidos na zona do manancial.

"Desatención" dos mananciais públicos
"Na maior parte das cidades xa non se pode beber dos mananciais públicos", láianse desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega. Viqui Rodríguez, coordinadora do Proxecto Ríos, sinala que a porcentaxe de acuíferos en grave estado en moitas localizacións supera xa o 60% en moitas zonas, debido a contaminacións diversas, e indica que en moitas cidades os mananciais tradicionais xa foron substituídos por fontes que están directamente conectadas ao sistema público.

Na súa opinión, casos como o de Lugo son exemplo claro do "desleixo" das administracións coas augas públicas. "É un patrimonio moi rico polo que non se está mirando nada", quéixase, chamando a atención sobre o feito de que fontes públicas que foron utilizadas durante décadas polos veciños pasen a ser vetadas polo abandono e as agresións que sofren.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: