A UE acordou apoiar as medidas emprendidas por Raúl Castro. Os EUA e a disidencia cubana critican a decisión, mais tamén hai reticencias no seo dos 27.
A Unión Europea acordou esta quinta feira, por unanimidade, terminar coas sancións diplomáticas ao réxime cubano, e abrir un diálogo internacional para mellorar a situación política e social da illa. A decisión aínda ha ser revisada cando pasen 12 meses.
A diplomacia europea chegou a esta decisión durante unha cea desenvolvida nunha cimeira dos 27, tras dúas semanas de incerteza, posto que a República Checa, Suecia e, até o último momento, Alemaña, tiñan reticencias a comezar a falar con Cuba. Para o país caribeño era indispensábel que Bruxelas eliminase estas sancións (aprobadas en 2003 ante o encarceramento de 75 opositores ao réxime de Fidel, e conxeladas en 2005), antes de aceptar as ofertas de diálogo da UE.
As sancións consistiron en eliminar as visitas gobernamentais de alto nivel, reducir a importancia da participación dos países da UE en manifestacións culturais cubanas e manter boas relacións coa oposición ao réxime.
As críticas dos disidentes e dos EUA
O ministro de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, asegurou que o goberno español, que encabezou o proceso de apertura, estaba satisfeito, porque se tiña imposto "o sentido común e de futuro de Cuba". En canto ás críticas a este proceso de apertura de diálogo coa illa, procedentes dos EUA e dos disidentes cubanos, Moratinos dixo que a decisión "demostra a autonomía e lexitimidade" da política da UE fronte á postura de firmeza dos Estados Unidos. Por outro lado o ministro español tamén salientou que o que agora agardan dende Europa, "o desexábel" sería que se acelerara a excarceración dos presos políticos, xa que "canto máis rápido se liberen, mellor para todos".
Dentro da UE, as posturas reticentes a abrir diálogo con Cuba tamén se expresaron na xuntanza, como a da República Checa que, a través do seu ministros de Exteriores, Karel Schwarzenberg, dixo que diálogo con Castro si, mais tamén coa oposición. Tamén foron os checos os que propuxeron que esta decisión sexa revisada dentro de un ano.