Aínda falta que acepte un dos principais acredores do clube, Caixanova., pero os celestes pensan acollerse á lei aínda que non chegue o acordo.
O Celta non quere agardar máis para presentar a súa solicitude para acollerse á Lei Concursal, e ten decidido acudir ao Xulgado do Mercantil vigués, como data límite, a vindeira cuarta feira 25 de xuño.
O clube pretende entregar a solicitude mesmo se naquela altura aínda non se pechou o convenio cos acredores. Unha das últimas negociacións que aínda falta por pechar é a que os celestes manteñen coa entidade bancaria Caixanova, ademais, un dos seus maiores acredores; mais dende o Celta aseguran que a negociación está a piques de se pechar.
Ao clube vigués úrxelle ter canto antes todo solucionado, mellor antes do 30 de xullo, porque deste xeito evitarían as hipotéticas denuncias que os seus futbolistas puidesen formular ante a AFE (Asociación de Futbolistas Españoles) posto que o pago das fichas dos xogadores, que se ha de facer a finais da tempada, é un dos desembolsos máis importantes ao que se vai ter que enfrontar a entidade celeste.