Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
problemas económicos

O Concello de Vigo apoia o Celta, mentres Mouriño nega a creba

Abel Caballero pediulle a Facenda, un dos principais acredores do clube, un trato de favor para os celestes. Mentres, o presidente asegura que aínda teñen recursos para cubrir os gastos.

Redacción - 14:25 06/06/2008
O alcalde de Vigo, Abel Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballero

O alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, amosou onte o seu apoio ao RC Celta de Vigo, que está a pasar por unha complicada situación, a piques de se acoller á Lei Concursal para sacar a flote as súas contas.

Caballero asegurou que a entidade celeste ha ter todo o apoio do Concello de Vigo, sempre e cando os seus principais acredores (citou a Facenda e Caixanova, entre eles) cheguen a un acordo á hora de acoller o plan de viabilidade da entidade. Mais o socialista condicionou isto a que haxa, por parte do Celta, un "compromiso firme, sólido e con vocación de futuro", referíndose á posíbel ampliación de capital que se agarda, saia dos petos do actual consello de administración do clube.

O que lle pide o Celta ao Concello

O alcalde de Vigo tamén salientou que non vai ter reparo en apoiar a solicitude que lle fixo o Celta: "teñen necesidade de facer un proxecto económico novo e fannos algunhas peticións". Destas salientou tres, que considerou máis relevantes: a cesión das instalacións por 20 anos a partir de agora; os dereitos de publicidade, en Balaídos, A Madroa e Barreiro; e dispor da xestión dos bares e locais comerciais.

Se todas as partes fan o mesmo o apoio do Concello sería completo, posto que Caballero asegurou que o grupo do PSdeG vai darlle apoio ao equipo da cidade.

Polo seu lado, o presidente da entidade deportiva, Carlos Mouriño, asegurou que, se o clube se acolle finalmente á Lei Concursal, o primeiro que deberían facer é rebaixar a súa débeda até os 18 millóns en dous anos. O máis probábel é que, unha vez que comece o concurso, anuncien unha ampliación de capital, porque así se resolveu na anterior asemblea.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega Mouriño dixo que "a lei concursal prodúcese por un problema contábel. Isto é o primeiro que temos que arranxar. O Celta neste momentos ten moito máis pasivo que activo. Unha vez solucionado este problema, para iso estamos solicitando a axuda do Concello, hai que arranxar o problema económico".

Por outra banda, nunhas declaracións ao xornal Faro de Vigo, o presidente celeste aseguraba que a situación da entidade está afastada da creba, posto que aínda teñen recursos para cubrir os gastos.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: