O Parlamento catalán vén de aprobar unha reforma do seu Código Civil.
Unha parella de lesbianas que decide ter un fillo atopa no seu camiño un bo número de trabas. Só unha delas pode ser legalmente a nai do pequeno, mentres que a súa parella ten que pasar o difícil e complicado trámite de adopción para figurar no rexistro civil como outra nai, un proceso, por certo, que non ten que ser superado polos homes que son pais por inseminación in vitro.
Porén, a partir de agora a situación mudará en Cataluña. O parlamento aprobou por unanimidade a reforma do Código Civil que impedirá que esta situación se repita e cando unha parella de lesbianas teñan un fillo froito de procesos de inseminación artificial, constarán no rexistro como fillo de ambas, sen ter que facer trámite algún.
A nova lei tamén dispón que as súas sinaturas teñan o mesmo valor que as dos homes cando as súas parellas recorren a técnicas de fecundación. Serán recoñecidas como nais dende o momento en que comecen o proceso.
O novo obxectivo que se marcan asociacións como a Federación de Familias Lesbianas e Gais de Catalunya é que esta realidade apareza tamén reflectida no Libro de Familia.