Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Inmigración irregular

Criticas do Foro da Inmigración ás medidas de retorno do goberno español

Alén do da UE, o executivo estatal tamén ten o seu plan, que "pasa por usar os inmigrantes como forza de traballo, e expulsalos cando hai crise".

Redacción - 11:45 19/06/2008
O ministro español de Traballo e Inmigración, Celestino Corbacho, co presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero

O ministro español de Traballo e Inmigración, Celestino Corbacho, co presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero

O Foro Galego de Inmigración, que agrupa a máis de 70 asociacións e entidades de toda Galiza, que traballan con colectivos de estranxeiros residentes no país, criticou a Directiva de Retorno aprobada polo Parlamento Europeo esta cuarta feira 18 xuño, e as medidas que o goberno español anuncia no campo da inmigración, como o incentivo para o retorno voluntario, que será aprobado no Consello de Ministros desta sexta feira 20 de xuño. Para o foro este último texto é "inxusto e mediático".

Segundo esta entidade, a directiva comunitaria, termina por considerar os inmigrantes nunha situación irregular como delincuentes, susceptíbeis de ser retidos por un período de 18 meses, sen garartirlles unha axeitada asistencia xurídica, nin os dereitos dos menores de idade. Por outro lado, as anuncios feitos polo goberno español na mesma liña (feitos polo ministro de Traballo e Inmigración español, Celestino Corbacho) son, para esta entidade, un endurecemento das políticas de inmigración, xa que propoñen, entre outras cousas, a extensión da retención das persoas até 60 días (na actualidade son 40) en centros de internamento, que son "auténticos cárceres para persoas que non cometeron delito algún".

"Moitos deles non van marchar"
Miguel Fernández, un dos voceiros da plataforma cívica, afirmou esta cuarta feira que a posición do Foro é "totalmente contraria" ao Plan de Retorno Voluntario de Inmigrantes, que vai ir esta sexta feira ao Consello de Ministros para ser aprobado. O plan baséase en estimular o retorno voluntario de persoas inmigrantes a través da posibilidade de cobrar, dunha soa vez, o conxunto da prestacións de desemprego que teñan acumulada.

Segundo Fernández, o plan é "absurdo", porque "todos sabemos que non van retornar, xa que, segundo dixo, o texto afecta só aos inmigrantes "que teñen un proxecto de vida aquí", e as prestacións de paro que se prevé que cobren tampouco "supoñen un incentivo para que marchen", polo que opinou que esta á unha medida "mediática" do Ministerio de Traballo e Inmigración, empregada para calmar a opinión pública.

Para o voceiro do Foro Galego de Inmigración é "inxusto, dende o punto de vista ético que se considere aos inmigrantes como forza de traballo útil en determinados momentos", e que se procuren medidas para propiciar a súa marcha "cando as cousas non van ben" e hai unha crise económica.

Dende o Foro pensan que o goberno do PSOE está a adoptar medidas "conservadoras", "de dereitas", que "botan sobre os inmigrantes o problema da crise". Porén, dende esta entidade consideran "máis problemática e alarmante" a previsión de restricións que se queren poñer para o reagrupamento dos familiares dos inmigrantes que traballan no Estado Español, que se basean en limitar este reagrupamento a, unicamente, os fillos menores de 18 anos, "deixando ao marxe desta posibilidade aos pais e nais das persoas inmigrantes residentes legais, que ven vulnerado así o dereito básico de poder coidar e atender, como queremos calquera de nós, con agarimo e achegamento aos seus maiores".

O Foro Galego de Inmigración vai promover, a partir de setembro, unha campaña de concienciación social coincidindo co proceso de reforma da lei de estranxeiría anunciado para o vindeiro outono.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: