Esta semana chegaron o makuxi Jacir de Souza e a wapichana Pierlangela da Cunha. Até o 8 de xullo han pasar polo Estado Español, Italia, Francia, o Reino Unido, Portugal e Bélxica.
Crianzas indíxenas, habitantes da Raposa Serra do Sol
Esta semana chegaron ao continente europeo dous representantes do Conselho Indígena de Roraima (CIR) para desenvolver unha serie de encontros en seis países na busca de apoio para que se manteñan as demarcacións continuas na Terra Indíxena Raposa Serra do Sol. Até o día 8 de xullo, data prevista para o retorno, han pasar polo Estado Español, Italia, Francia, Reino Unido, Portugal e Bélxica.
A viaxe, inserida na campaña Nossa Terra, Nossa Mãe, foi organizada coa axuda de varias ONG, e na súa axenda os dous dirixentes indíxenas (o makuxi Jacir de Souza e a wapichana Pierlangela da Cunha, profesora indíxena), teñen marcados encontros con gobernantes, parlamentarios e representantes de varias ONGs.
O obxectivo da viaxe: o recoñecemento dos pobos indíxenas
O coordinador xeral do CIR, Dionito José de Souza, asegurou que o obxectivo da viaxe non é procurar axuda financeira, senón darse a coñecer polo mundo: "Queremos dicir que somos persoas, xente que procura os seus dereitos, para que o mundo lle de un recoñecemento total aos pobos indíxenas. As cousas boas que nos puidesen ofrecer serán benvidas", afirmou de Souza.
De Souza tamén rexeitou a tese dos arroceiros e terratenentes, que aseguran que parte das tribos indíxenas de Roraima están manipuladas por intereses internacionais: "Isto é un pensamento bobo. Se fose así, o tío Lula non sairía de viaxes internacionais, acudindo a grandes reunións en Xenebra, en Austria ou en África. Os indíxenas tamén teñen dereito. Só porque o Ronaldinho xoga en Europa, el quere internacionalizar o país?", argumentou o coordinador do CIR.
A demarcación das terras indíxenas
Hai tempo que os pobos indíxenas do Brasil loitan, contra o goberno e contra os facendeiros, para se lles recoñezan os seus asentamentos históricos. Houbo enfrontamentos no Mato Grosso do Sul, mais tamén no estado fronteirizo de Roraima, onde viven os indíxenas da Raposa Serra do Sol.
A comezos do mes de agosto, o Supremo Tribunal Federal (STF) brasileiro debe xulgar as accións de contestación á demarcación da Raposa Serra do Sol, e segundo o ministro Carlos Ayres Britto, a Corte vai tomar unha decisión pautada en criterios " rigorosamente obxectivos".
Hai uns meses suspendeuse a operación de retirada dos non-indios (sobre todo arroceiros e facendeiros) da zona, que fora aprobada en 2005 por decreto presidencial. Este decreto determinaba a saída dos non-indios da reserva, até abril de 2006, a base de indemnizacións e o ofrecemento dun reasentamento nunhas terras entregadas polo Incra (Instituto Nacional de Colonização e Reforma Agrária). Mais un grupo decidiu resistir, e presentar este recurso ante o STF, e até hoxe.
A decisión, en mans do Supremo Tribunal Federal
Xa o tiña dito moitas veces, mais desta o dirixente do CIR, Dionito José de Souza, volveu asegurar que os pobos indíxenas non se van conformar cunha decisión favorábel á permanencia dos arroceiros nos seus asentamentos históricos "non imos aceptar calquera decisión. Temos un plan no que se contempla a demarcación en área continua da Raposa Serra do Sol que xa foi recoñecido e falado co goberno e a Funai (Fundação Nacional do índio). Se existe lei, ten que ser así", dixo Dionito.
Para saber máis sobre a demarcación das terras indíxenas no Brasil: Brasil: a demarcación das terras indíxenas a debate.
Tamén hai unha interesante reportaxe na axencia oficial de noticias brasileira, a Agência Brasil: Terra dividida.