Miles de internautas únense a unha campaña que inclúe o envío de correos electrónicos aos eurodeputados.
Banner da campaña
A proposta da Unión Europea de aumentar a semana laboral até as 65 horas provocou a reacción inmediata dos internautas. Deste xeito, xa hai unha campaña na rede que cada vez conta con máis apoios. A cibercampaña, impulsada dende o blog NetoRatón, ten como lema "¿65 horas? Ni de coña".
Segundo o artífice da idea, César Calderón, a proposta europea é unha "lamentábel involución e un atentado contra os dereitos dos traballadores". "Internet debe converterse na vangarda da oposición á mesma", engade, que "nos devolve ao século XIX", polo que convida a comunidade a incluír un banner nas webs ou blogs, facer un post sobre o tema, envialo por correo electrónico aos amigos, mandarlles e-mails de protesta aos eurodeputados e traducir a campaña aos diferentes idiomas.
A iniciativa xa conta con cadanseu grupo nas redes sociais Facebook e Tuenti (beta privada). Polo de agora, xa se enviaron máis de 40.000 mensaxes aos europarlamentarios, sumáronse centos de blogs e hai máis de 7.500 persoas apuntadas nos grupos.