O goberno español promete que non adaptará a normativa. O BNG pide que o Parlamento se pronuncie en contra da medida.
"Paso atrás", "agresión", "explotación", "ataque aos dereitos" ou "decisión inédita" son algunhas das primeiras avaliacións que chegan desde as diversas forzas sindicais, coincidindo todas elas en denunciar o erro da decisión tomada esta semana polo consello de ministros de Emprego da Unión Europea.
Os ministros decidiron así que o actual límite de 48 horas para unha semana de traballo poida estenderse até as 65 horas. É un dos ingredientes da futura directiva sobre tempo de traballo que debe aínda pasar a peneira do Parlamento Europeo. Reino Unido, Alemaña ou Italia foron algúns dos máis agresivos defensores deste paso nun debate que levaba varios anos na mesa pero que só agora, e con recentes viraxes á dereita nos gobernos de varios estados, semella ser posíbel que saia adiante. O goberno español, que inicialmente anunciara en público que mantiña unha posición contraria a esta medida, decidiu finalmente absterse na votación. A delegación encabezada polo ministro de Traballo, Celestino Corbacho, escusouse dicindo que será posíbel máis adiante emendar o texto final.
Paso atrás na conquista de dereitos laborais
"Galiza ten que fixar unah posición de país en contra desta directiva que supón un paso atrás na loita polos dereitos sociais dos traballadores", explicou este martes Fernando Blanco Parga, voceiro de Emprego do grupo parlamentario do BNG. O Bloque presentará unha iniciativa a prol do posicionamento do Parlamento contra a medida proposta polos ministros de Emprego da UE.
"De seguir adiante na súa tramitación, o texto aprobado sentaría un precedente moi perigoso xa que chega mesmo a recoller a posibilidade de que se superen as 60 ou 65 horas laborais se hai acordo entre os interlocutores sociais e se recolle no convenio", critica Blanco Parga. O deputado nacionalista amosa o rexeitamento do nacionalismo galego perante "medidas regresivas como esta que mesmo inclúe un punto no que se acorda non recoñecer as gardas como tempo de traballo".