A patronal maioritaria do transporte no país,
Fegatramer, asegurou este luns que a incidencia do paro é "mínima" en Galiza. Porén, admitiu que moitos transportistas teñen medo de traballar e vérense afectados polos piquetes. Deste xeito, ao custo que lles supón "saír a traballar", non lles queren sumar a "rotura de vidros e rodas picadas". O presidente de Fegatramer, Carlos García Cumplido, tamén considerou "alarmista" falar de abastecemento no país, pois o mercado está "recén servido".
A Delegación do goberno español en Galiza tamén asegurou que o paro só provocou "incidentes menores con danos materiais a camións" na autovía A-6 na provincia de Lugo e nas vilas de Caldas de Reis e do Porriño. Ademais, garantiu que se pode circular con seguridade polas principais vías de comunicación do país, vixiadas polas forzas de seguridade.
Moi distinta é a visión da Plataforma para a Defensa do Transporte por Estrada. O seu voceiro, Antonio Llanos, cifrou nun 95% a incidencia do paro en Galiza e afirmou que o restante 5 por cento son camións "de asalariados obrigados polo seu patrón". Llanos advertiu de que o peor aínda está por chegar, e que se o responsábel de Transporte por Estrada non os recibe, o estado camiña cara a "unha catástrofe".
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, recomendoulle ao goberno español que "siga o exemplo de Galiza" e redunde os impostos cos que grava o transporte en axudas ao sector. Así, lembrou que o Goberno "está a facer todo e máis do que pode" e que decidiu a devolución do céntimo sanitario aos sectores afectados polo prezo dos carburantes en axudas para a modernización e o equipamento. Quintana lamentou non ter "maiores competencias para poñer en marcha axudas", que dependen da Unión Europea.