O corredor vasco do Karpin Galicia repite o éxito da Volta a Euskadi. Serafín Vázquez volve de terras vascas con algunhas molestias.
O corredor vasco do Karpin Galicia (KGZ) Iban Mayoz adxudicouse o Trofeo Metas Volantes da Euskal Bizikleta, un éxito conseguido, ao igual que na Volta a Euskadi, a base de batallar xornada tras xornada.
A terceira e última etapa foi para Eros Capecchi (Saunier Duval), con sete segundos de vantaxe sobre Igor Antón (Euskaltel-Euskadi) e trece sobre o anterior líder, Sánchez Pimienta (Contentpolis-Murcia). Diferenzas de abondo para que o corredor italiano levase tamén a volta, por diante de Antón e de Palomares (Contentpolis-Murcia).
Nesta última xornada tres corredores do KGZ, Mayoz, David García e Vorganov, estiveron fuxidos durante boa parte do percorrido, primeiro, formando parte dun grupo de catorce unidades onde tamén conseguiu entrar o redondelán Salgueiro (Extremadura).
"Podio positivo"
Os do equipo galego saíron coa consigna que se marcara desde o comezo da Euskal Bizikleta: buscar un triunfo de etapa porque, logo duns meses de competición moi intensos e exitosos, os corredores chegaban a esta carreira "coa luz da reserva acendida", segundo Álvaro Pino.
Aínda que non se conseguiu o obxectivo inicial, "despedímonos pisando o podio e iso é moi positivo sobre todo nestes momentos en que o equipo está xa bastante canso", o director deportivo.
Serafín Martínez, con molestias
No parte de incidencias, cómpre salientar que Serafín Martínez regresa de Euskadi con problemas físicos. O ciclista do Rosal sufriu unha espectacular caída na primeira etapa. Aínda así, conseguiu cruzar a liña de meta mais ao día seguinte comezou a sentir perdas de equilibrio polo que tivo que ir a un centro médico.
O TAC que se lle practicou non revelou ningún tipo de lesións, mais as sensacións de mareo persistían dous días despois. No entanto, Álvaro Pino confía en que se recupere pois "é un dos ciclistas con mellor ton físico nestes momentos cara aos campionatos de España", a disputar a finais de mes en Talavera de la Reina (Toledo).