Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Detencións, penas de cárcere, expulsións

Máis de 70 países castigan as persoas homosexuais

Lexislacións e discriminación seguen arruinando a vida de moitas persoas homosexuais en todo o mundo.

Canal Solidario - 10:00 07/06/2008

O Ministerio español de Asuntos Exteriores e de Cooperación tivo que emprender a pasada semana xestións de "alto nivel" coas autoridades gambianas para lograr liberar aos dous cataláns detidos en Kotu, Gambia, acusados de realizar "proposicións homosexuais".


Os feitos producíronse despois de que o pasado 15 de maio o presidente de Gambia, Yahya Jammeh, condenase as prácticas homosexuais e lanzase un ultimato de 24 horas aos homosexuais para abandonar o país e evitaren así enfrontarse a ríxidas leis.

Jammeh anunciou que non toleraría no seu país "actos pecaminosos e inmorais como a homosexualidade" en Gambia, un país, segundo el, "de xente civilizada e crente", e chegou a advertir de que "cortaría a cabeza" a calquera persoa que practicase a homosexualidade en Gambia. Ademais, avanzou que en breve se elaborará unha lexislación respecto diso "máis estrita aínda que a de Irán".


Tal e como explica Amnistía Internacional aínda oito países inclúen na súa lexislación a condena a morte por este motivo (Afganistán, Arabia Saudita, Irán, Mauritania, Paquistán, Sudán, Iemen e algúns estados do norte de Nixeria), mentres que en varios países máis, as persoas homosexuais poden ser condenadas a cadea perpetua ou a diferentes penas de prisión.


Exemplos de leis homófobas

Nalgúns estados, as autoridades políticas promoveron leis que condenan as relacións homosexuais ou discriminan ás lesbianas, gais, bisexuais e transexuais: en Marrocos, o pasado mes de xaneiro un tribunal de apelación encarcerou seis homes declarados culpábeis por "homosexualidade"; en Polonia, o viceministro de Educación, presentou o pasado ano un proxecto para prohibir "a promoción da homosexualidade ou calquera outra desviación" nos centros educativos do país; en Nixeria o Ministro de Xustiza presentou en 2006 un proxecto de lei que penaliza os matrimonios e as relacións sexuais entre persoas do mesmo sexo; e tras as reformas levadas a cabo durante os últimos anos en Latinoamérica, Nicaragua converteuse no único país democrático do subcontinente cuxa lexislación castiga as relacións homosexuais consentidas entre adultos.

Amnistía denuncia tamén que nalgúns países onde formalmente non existen leis que poidan ser utilizadas para castigar ás persoas pola súa orientación sexual, si que aplican na práctica outras leis non específicas, habitualmente referidas a conceptos como "escándalo público", "conduta indecente" ou "crimes contra a familia".

En Arabia Saudita, en 2007, por exemplo, 250 persoas foron detidas por asistir a unha reunión social privada na zona de Al´Ashamia, en Jizan; 20 homes que se atopaban entre elas foron detidos unicamente pola súa orientación sexual, real ou aparente.

En Kenia, Namibia, Uganda, Zambia e Cimbabue, dirixentes políticos consideran que a homosexualidade é "antiafricana". Amnistía Internacional denuncia tamén que países europeos como Austria e Reino Unido foron condenados recentemente polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos por discriminar a persoas LGBT.

Violacións do dereito á igualdade

Tanto Nacións Unidas como outros organismos de carácter internacional expresaron repetidamente que as leis que penalizan este tipo de relacións constitúen unha violación do dereito á igualdade e á intimidade, recoñecidos tanto polo Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos como pola Convención Americana sobre Dereitos Humanos. Entidades como Amnistía Internacional puxeron en marcha nos últimos anos un bo número de cibercampañas pedindo aos gobernos que acaben coa homofobia institucional.

A web "Eu Berro", que promove a participación cidadá en campañas sociais a través dos apoios virtuais, sumouse a moitas delas e anima os internautas a sumárense ao "berro" común en favor dos dereitos das minorías sexuais.

A Asociación Internacional de Lesbianas e Gais (ILGA) tamén ten activas varias cibercampañas en favor dos dereitos destes colectivos. Por exemplo, pode asinarse a petición en favor da resolución sobre dereitos humanos e orientación sexual presentada por Brasil ante a Comisión de Dereitos Humanos da ONU. O texto afirma que os dereitos das persoas LGBT forman parte indivisíbel das liberdades fundamentais recollidas na Declaración Universal de Dereitos Humanos. Tamén está aberta en liña a petición pola adopción dun Día Mundial contra a Homofobia, polo recoñecemento internacional da existencia de Lesbianas, Gais, Bisexuais e Transexuais.


Ligazóns

3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: