O venres 6 Luar na Lubre (Galiza), Vozes da Rádio (Portugal) e Socorro Lira (Brasil) ofrecerán tres concertos no exterior do Verbum.
Serán máis de catorce horas de contos, narracións orais, regueifeiros e cancións, incidindo na forza da palabra e nas ligazón que vencellan a Galiza e Portugal a través da lingua. Ponte... nas Ondas celebra a 14ª edición das súas Xornadas de Comunicación Audiovisual e a sétima Mostra da Oralidade.
O primeiro bloque de actividades terá lugar a mañá do venres a partir das nove e media e até as dúas da tarde. Polo Auditorio da Facultade de Telecomunicación (Campus de Lagoas-Marcosende da Universidade de Vigo). Será un espectáculo audiovisual no que haberá magazine con radio, actuacións musicais, regueifeiros, narración oral e paisaxes sonoras en directo.
Pola tarde, a partir das catro, o Verbum acollerá a emisión en directo do programa Aberto por reformas que conduce Xurxo Souto na Radio Galega. A seguir, retransmitiranse en directo os programas de radio e televisión dos distintos centros educativos participantes en Ponte... nas Ondas. Todas as actividades poderán escoitarse en directo a través das radio colaboradoras no proxecto: Rádio Melgaço (88.5 FM), Rádio Cultural de Vila Nova Cerveira (93.6 FM), Rádio Larouco-Chaves (93.5 FM), Rádio Montealegre (97.5 FM), Radio Municipal de Tui (107.4 FM), Radio Ecca de Vigo (96.5 FM), Radio Allariz (107.2 FM) e Radio Fene (107.7 FM).
Pola noite chegará a música no exterior do Verbum, con tres concertos que comezarán ás dez. Luar na Lubre por Galiza, Vozes da Rádio (Portugal) e Socorro Lira (Brasil). A entrada é de balde.