Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Educación fala de "oferta renovada"

Trinta novos ciclos pero menos cartos para a Formación Profesional

O PP considera que se inviste unha media de 26 millóns de euros menos por ano na FP. A CIG-Ensino láiase de que non haxa "un mapa da FP en Galiza".

Redacción - 09:00 28/05/2008

Innovación, conexión coa empresa e fomento do espírito emprendedor foron as "áreas estratéxicas da Formación Profesional" destacadas pola conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, durante a súa intervención no Parlamento esta terza feira. Sánchez Piñón explicou que o seu departamento deseñou un conxunto de accións incluídas no II Plan Galego de Formación Profesional, que terá un investimento de "perto de 700 millóns de euros".

A conselleira indicou que actualmente funcionan 11 Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) dependentes da Consellaría de Educación, e 3 centros dependentes da Consellería de Traballo. Ademais, a conselleira explicou que se asinaron convenios con distintas entidades empresariais, "ratificando así a importancia da relación entre estas ensinanzas e a empresa". Salientou ademais o "fomento do espírito emprendedor entre o alumnado", referíndose a iniciativas como FP Plus.

Ao fío, definiu de "oferta renovada" a ampliación o próximo curso da oferta de títulos con 30 novos ciclos formativos en 22 centros do país. Citou entre outros os novos títulos de técnico de emerxencias sanitarias, repostaría, cociña e gastronomía, e técnico superior de educación infantil. Admitiu que a Xunta debe "adecuar a oferta en función das necesidades" e destacou que Galiza "ten 800 ciclos formativos, como Madrid, e o País Vasco conta coa metade".

O PP ve unha redución no investimento
No debate parlamentario, a voceira de Educación do PP, Manuela López Besteiro, denunciou que o Plan de Formación Profesional "reduce en 26 millóns de euros anuais as partidas económicas destinadas a este tipo de ensinanzas". Segundo as contas do PP, a Xunta dispuxo un orzamento de 175 millóns de euros anuais, "mentres que o do anterior goberno do PPdeG contaba cunha media de 201,3 millóns por ano", asegurou López Besteiro. A deputada do PP tamén definiu de "inconsistente" o plan, criticou que non pasase polo Consello da Xunta, e laiouse de que se limite "a 17 páxinas, fronte ás 178 do elaborado polo PPdeG".

A CIG pide planificación "a máis longo prazo"
"A actual consellaría continúa sen elaborar un mapa escolar de FP de Galiza, malia o seu compromiso de facelo nesta lexislatura", analizan desde o sindicato, considerando imprescindíbel que o Goberno realice "unha planificación a máis longo prazo da oferta da FP" onde se puidese estabelecer a oferta de novos ciclos e as posíbeis supresións. "A demanda da negociación da nova rede de FP é necesaria e oportuna neste momento ao ter que introducirse as novas titulacións", sosteñen. A CIG-Ensino tamén solicita "limitar a oferta na privada concertada que en todos os casos oferta moita máis prazas que a pública para os mesmos ciclos na mesma localidade".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: