Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MANUEL GALLEGO JORRETO, PREMIO NACIONAL DE ARQUITECTURA

"A sociedade ten pouca idea de arquitectura"

O galardón recoñeceu os seus máis de corenta anos de profesión, nos que marcou unha liña de traballo moi apegada á construción tradicional galega.

Marcos S. Pérez - 09:30 29/05/2008

Nacido no Carballiño, entrou na arquitectura da man de Alejandro de la Sota, o seu mentor e principal influencia. Obtivo o título en 1963 e nos seus 45 anos de profesión obtivo importantes recoñecementos, como o Premio Galicia de Arquitectura (1983), ou o Premio de Arquitectura Española (1997). Así mesmo, exerce a docencia na Escola de Arquitectura da Coruña dende 1978 e dende 2002 é catedrático.

Observando a evolución destas últimas catro décadas, a sociedade está máis instruída sobre a arquitectura? É máis consciente?
Teño a sospeita de que aínda ten pouca idea de arquitectura. O que hai é unha maior popularización da arquitectura, dunha certa arquitectura. Fálase dela, nos medios, igual que se fala moito de viño e doutras cousas no mercado cultural. Pero o tratamento é sempre moi superficial. Hai tamén unha popularización dos propios arquitectos, que teñen unha gran presenza mediática, son vistos como estrelas, e eles mesmos compórtanse como prima donnas.

A arquitectura faise á marxe das persoas?
En xeral en todo o mundo estase a facer, efectivamente, unha arquitectura afastada do home, da vida cotiá. Como tantas outras cousas na sociedade de consumo convértese nun puro espectáculo. Busca chamar a atención e pouco máis. Hoxe estamos a vivir un forte empobrecemento do mundo das ideas: manexamos iconas no canto de ideas.

Canta relación ten a arquitectura galega contemporánea coas formas tradicionais?
En liñas xerais, pouca ou ningunha. Estase a desaproveitar un fondo cultural importantísimo, o que dende un punto de vista simbólico é unha perda moi grande, pero tamén o é dende un punto de vista racional e utilitarista, pois moitas veces estamos desaproveitando construcións que aínda serven.

É o 'feismo' o problema máis importante do urbanismo en Galiza?
Fálase moito de feísmo cando nas cidades estanse a cometer auténticos atentados contra o urbanismo, e estase destruíndo a paisaxe en moitos lugares. Ás veces fálase de feísmo non moita hipocrisía, ademais recórrese a conceptos como bonito-feo, que son cualificacións subxectivas, e academicistas, por riba.

Vostede dá clase e está en contacto coas novas xeracións de arquitectos, que consellos lles dá?
Un consello? Que sexan críticos, que non crean o que lles din. E que sexan sensibles, que disfruten co que fan, e que disfruten en Galicia. Gústame moito dar clase, porque se establece un contacto moi cómplice, e ensinando apréndese moito.

No seu traballo é consciente de estar facendo arte?
Non, arte non. Pero si que sinto unha grande emoción traballando. En realidade a arte non sei moi ben o que é. Pero si son consciente de facer algo que consegue emocionarme e consegue emocionar a outros, sobre todo porque transmito a través destas obras algo que eu desexo transmitir.

Gústalle ver como os seus edificios van envellecendo, mesturándose co entorno?
Si, gústame ver como se van transformando coa vida, coa xente que os habita e cos usos que se lles dan. Aínda que ás veces hai moita irracionalidade e moita destrución. A arquitectura é, no fondo, aprender a usar as cousas.

Méndez Ferrín, Premio Nacional de Literatura


4,44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: