Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
RECOÑECEMENTO

Méndez Ferrín, Premio Nacional de Literatura

O xurado galardoou tamén a Díaz-Fierros na categoría de Pensamento e Cultura Científica, e a remodelación urbana de Pontevedra na de Patrimonio Cultural.

Redacción - 12:10 28/05/2008

Ferrín narrador, Ferrín poeta, Ferrín voz crítica e insubornábel. O xurado dos Premios Nacionais de Cultura decidiu que o autor de Celanova, candidato ao Nóbel de Literatura, Premio da Crítica e membro da RAG, merece o Premio Nacional de Literatura. Como queira que esta é a primeira vez que se entregan os galardóns, e que o outorgado a Ferrín homenaxea cincuenta anos de produción, pódese entender que a cultura galega o condecora deste xeito como o seu máis importante autor vivo. Heriberto Bens recibe, pois, o recoñecemento de Tagen Ata.

O xurado destacou que Ferrín protagonizou o cambio de rumbo estético das nosas letras nas décadas dos sesenta e os setenta, e valorou igualmente o forte compromiso político da súa obra narrativa (O crepúsculo e as formigas, Bretaña Esmeraldina, Arraianos...) e poética, dende o seminal Con Pólvora e Marnolias até as súas obras máis recentes Era na selva de Esm e Contra Maquieiro.

Dáse a circunstancia de que hai unhas semanas Méndez Ferrín criticou publicamente, nun artigo no Faro de Vigo, algúns aspectos da organización dos Premios Nacionais de Cultura, dos que dicía "amosan a mentalidade colonizada de que falamos pesia ao inequívoco adxectivo de Nacionais". En concreto, o autor esixía que se crease un galardón para cada xénero literario, como de feito sucede nos premios estatais de cultura entregados polo Ministerio, e que se equiparase a contía económica dos galegos (15 mil euros cada un) cos españois (20 mil en cada categoría).

Díaz-Fierros e a remodelación urbana de Pontevedra
Este mércores anunciáronse igualmente outros dous premiados nos Premios Nacionais de Cultura. O edafólogo Francisco Díaz-Fierros foi galardonado na categoría de Pensamento e Cultura Científica, destacando "a súa capacidade para colocar na axenda da cultura galega a cultura científica" e saber unir a investigación con problemáticas actuais da sociedade galega, como o medio ambiente.

Recoñeceuse tamén o traballo realizado na remodelación urbana de Pontevedra, Premio de Patrimonio Cultural. O xurado destacou o enfoque global do proxecto, que logrou "mudar a situación do casco histórico e colocalo no centro da vida social e económica".


4,82/5 (39 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Méndez Ferrín, nunha conferencia en Montevideo
Xosé Luís Méndez Ferrín, nunha conferencia en Montevideo
Francisco Díaz Fierros
Francisco Díaz Fierros
Unha imaxe da zona vella de Pontevedra
Unha imaxe da zona vella de Pontevedra