A Secretaría Xeral de Igualdade obrígalle a un colectivo de cazadores de Castroverde a retirar un anuncio sexista.
O Club de Caza de Francelos, en Castroverde, decidiu promocionar o seu concurso de tiro ao prato dun xeito rechamante e 'orixinal', así que non tivo mellor idea que empregar a imaxe dunha moza amosando a súa roupa interior mentres, debaixo, un home apunta a súa escopeta cara á entreperna dela. Cando a Secretaría Xeral de Igualdade se decatou da existencia do cartel, amoestou o colectivo para que o retirase.
Segundo a delegada lucense de Vicepresidencia, Branca Rodríguez Pazos, en declaracións a El Progreso, os cazadores "admitiron o seu erro", polo que non se seguirá o protocolo habitual, que é "presentar unha denuncia no xulgado". Rodríguez Pazos cualificou de "moi basto" o cartel, do que dixo que non está en consonancia "cos dereitos das persoas, non só das mulleres".
O club de caza rectificou e apostou por un deseño diferente para o cartel do certame do mes de xuño. Agora, a protagonista é unha perdiz. Porén, a delegada provincial amosou a súa preocupación pola utilización da imaxe feminina e mesmo afirmou: "sabe Deus canta xente viu o cartel, até mulleres, e non se sentiu ofendida, até que o viu unha persoa con sensibilidade". Ademais de cualificar a imaxe como "basta", lamentou que "hai outros casos moito máis subliminares que son igual de ofensivos".