A ONG británica detectou casos cometidos por soldados da ONU e mesmo por traballadores de entidades humanitarias.
A ONG Save the Children denuncia que as forzas de paz internacionais están a cometer abusos sexuais a menores en zonas en conflito. Despois de ter efectuado investigacións en Costa do Marfil, Sudán e Haití, a asociación propuxo que se constitúa un observatorio internacional dos dereitos da infancia.
Save the Children detectou casos de abusos dentro da súa mesma organización. Así, despediu tres traballadores o ano pasado por ter mantido relacións sexuais con rapazas de 17 anos, aínda que asegurou que se teñen dado casos de abusos a crianzas de até seis anos.
A ONU respondeu que estudará de preto o informe da ONG. Save the Children asegura que o peor dos abusos sexuais infantís é que moitos non se chegan a descubrir, porque os afectados están demasiado asustados para falaren.
A BBC informa de casos como o dunha nena de 13 anos violada por dez soldados da ONU en Costa do Marfil. A denuncia de Save the Children destapa o lado escuro das misións humanitarias nos países que acaban de sufrir a guerra. Por iso, eses "fallos endémicos" deben evitarse creando mecanismos de control e de apoio ás vítimas dos abusos.
A directora de Save the Children no país africano, Heather Kerr, dixo que pouco se está a facer para apoiar as vítimas: "É unha minoría, pero están a usar o seu poder para explotar sexualmente nenos, que non teñen voz para denuncialo".
A ONG di que, aínda que existe o compromiso na comunidade internacional de non tolerar o abuso infantil, non se está a seguir na práctica. Mesmo na ONU se di que é imposíbel asegurar "cero incidentes" nunha organización que dispón de até 200.000 persoas traballando en todo o mundo, aínda que si pode haber "tolerancia cero" aos casos que se produzan.