Os conservadores están convencidos de que os enfrontamentos internos poden pasarlle unha forte factura nos vindeiros comicios autonómicos.
O PPdeG apoia unanimemente a Mariano Rajoy, iso é polo menos a mensaxe que se quere transmitir aos medios. O presidente dos conservadores galegos, Alberto Núñez Feijoo, está a pechar filas arredor do foi o seu mentor político. O denominado "sector duro" nucleado arredor de Esperanza Aguirre, Jaime Mayor Oreja, María San Gil e numerosos altos cargos dos gobernos Aznar, mantén o pulso para cortarlle a cabeza a Rajoy e queimar de paso as cartas nas que se apoia, nomeadamente o Alcalde de Madrid, Alberto Ruíz-Gallardón.
Fontes do PPdeG recoñecen que a "guerra civil" que vive o PP a nivel estatal pode influir, e moito, en Galiza. Nas filas conservadoras galegas dáse por feito que, de cara o futuro, Rajoy está “moi tocado” e, comezando polo seu propio líder, arelan un PP español onde Ruíz-Gallardón teña un peso específico.
Xornais como El Mundo ou a emisora radiofónica Cope, disparan sen tregua contra Mariano Rajoy e contra todos aqueles que o apoian publicamente, incluído o fundador da formación conservadora, Manuel Fraga. Esta actitude está a sorprender a algúns dirixentes do PPdeG, que lembran que a cadea de radio depende directamente da Conferencia Espicopal, que dirixe Rouco Varela. O feito de que o cardeal vilalbés e o ex presidente da Xunta compartan "patria pequena" e que incluso mantivesen unha estreita relación ao longo dos anos semella servir de pouco. Dende a súa chegada a Madrid, Rouco Varela mostrou a súa simpatía cara os sectores máis "aznaristas”.
"Os militantes están preocupados"
A grave crise que abanea o PP a nivel estatal está a inquietar ás bases da dereita galega. Un alcalde da provincia da Coruña recoñece que o que está a acontecer en Madrid está a desanimar as bases galegas: "Os militantes están preocupados porque lles parece que isto se vai desfacer todo”. Outras fontes conservadoras sinalan que os enfrontamentos van pasar factura nas vindeiras eleccións autonómicas e dan por feita unha importante caída no número de deputados.
Precisamente, as eleccións galegas, que a priori se agardan para a vindeira primavera, van ser unha dura proba de lume tamén a nivel do PP español. Os críticos dan por feita unha seria derrota dos de Núñez Feijoo, factura que non dubidarán en pasarlle a Mariano Rajoy, se para daquela o pontevedrés non ten tirado a toalla.