O rexedor lalinense cre que de momento non é fácil o entendemento pero avogou por deixar as portas abertas.
O alcalde de Lalín, Xosé Crespo, cre que un pacto político entre o PPdeG e o BNG non é de momento fácil mais deixou a porta aberta de cara ao futuro cun "nunca se debe descartar nada". Nunha entrevista na Radio Galega este domingo, o dirixente popular defendiu que un partido democrático nunca debe renunciar a negociar con outro que tamén o é. Botando man do refraneiro Crespo espetou un "na terra dos lobos hai que ouvear coma todos" e avogou por ser flexíbeis, sen renunciar aos principios, á hora de dialogar con outras forzas.
Crespo sinalou que os conservadores xa están a quentar motores de cara os vindeiros comicios autonómicos e mostrouse convencido de que "se o partido apreta" poden acadar a maioría absoluta. Porén, o ex vicesecretario xeral do PPdeG recoñeceu que o partido non vive un bo momento a nivel estatal aínda que se mostrou seguro de que Rajoy vai saír "fortalecido" do congreso de xuño.