Os tories avalían que a vitoria nos comicios nunha circunscrición onde sempre perderan, é exemplo da viraxe electoral que os levará ao goberno.
Durante trinta anos, a circunscrición de Crewe and Nantwich foi un feudo laborista inaccesíbel ás propostas dos conservadores. Pero na votación deste xoves, paradoxalmente, as urnas ofreceron para Edward Timpson, o candidato do Partido Conservador, o 49,5% dos votos, por diante do 30,5% do Partido Laborista. Estas cifras supoñen unha caída de máis de dezaoito puntos porcentuais para os laboristas e un incremento de dezasete puntos para os conservadores.
"As bases conservadoras desencantadas volveron", asegurou David Cameron, o actual líder da oposición ao goberno laborista de Gordon Brown. Cameron insistiu ademais en varias ocasións en que o acontecido é un dato máis que na súa opinión exemplifica "a fin do Novo Laborismo". O líder torie referíase así ao que considera a desaparición da corrente que hai algo máis de dez anos impulsou a Tony Blair á súa primeira vitoria nas eleccións xerais.
Pola súa banda, o actual primeiro ministro, Gordon Brown, escolleu unha argumentación parecida á realizada hai poucas semanas cando o seu partido sufriu unha significativa perda de apoio nas eleccións municipais. Así, Brown falou de "tempos difíciles para a economía internacional" e opinou que os cidadáns están preocupados polos agoiros do escenario económico a curto prazo. "A xente quere que o goberno se ocupe de ofrecer solucións cando ve como os prezos se disparan", afirmou, asegurando que é un "desafío" que afrontará.