Na teima de relacionar inmigración e delincuencia, o goberno Berlusconi aproba unha lei que fixa penas de até catro anos para inmigrantes "sen papeis".
Silvio Berlusconi
Ineficaz, contraproducente ou grave erro foron algúns dos cualificativos usados polos partidos italianos da oposición para referírense á decisión adoptada polo actual goberno, liderado polo primeiro ministro Silvio Berlusconi.
Italia sorprende así á Unión Europea coa introdución dunha lexislación inédita en materia de inmigración e seguridade, estabelecendo por vez primeira como delito con pena de cárcere o feito de ser inmigrante sen documentación en regra. Ademais das belixerantes declaracións da oposición ao respecto dun proxecto no que insistiran especialmente os socios de Berlusconi, a Liga Norte, desde a propia Igrexa católica criticouse esta iniciativa. "Non se pode acusar de todo o malo aos inmigrantes", opinaba o influínte cardenal Martino.
A nova lei vaille afectar a unha poboación que se calcula que pode estar en arredor de 600 mil persoas. Fixa castigos de até catro anos de cárcere, e engade aumentos sobre esa pena no caso de que o estranxeiro en cuestión sexa detido despois de cometer algún delito. Ademais, a normativa chega mesmo a permitir a confiscación das vivendas de propietarios que lla alugasen a un estranxeiro sen papeis.