O 15 de maio conmemoráronse o aniversario desta catástrofe. Aquí podemos ler unha crónica de Moncho Iglesias sobre a as actividades en lembranza dos palestinos refuxiados.
Este 15 de maio conmemoráronse 60 anos da Nakba, Catástrofe, na que se pretendía lembrar os máis de 700.000 palestinos desprazados en maio do 48; unha cifra a que hai que sumar os descendentes destes, elevando a cantidade a millóns de refuxiados, o maior número no mundo, e tamén o que máis tempo leva nesta situación.
Tanto en Cisxordania como en Gaza e nas poboacións árabes de Israel houbo actividades conmemorativas. A maioría de participantes nos diferentes eventos acudiron con camisetas negras que levaban inscrito o número 1948 ou unha chave, que representa as chaves das casas abandonadas e derrubadas.
Globos negros
Nos campos de refuxiados de A’ida, en Belén, e Qalandia, en Ramallah, botáronse 21.915 globos negros ao ceo. Con este acto, pretendíase ennegrecer o ceo de Xerusalén e lembrar os días transcorridos dende o comezo da Nakba. Pero o evento máis concorrido foi o que tivo lugar en Ramallah, capital administrativa cisxordana, onde se calcula que houbo ao redor de 50.000 persoas.
Na entrada da cidade, os enfrontamentos entre soldados do exército israelí e protestantes foron unha repetición máis violenta do que sucedeu ao longo de todo o territorio. Preto de 100 mozos do campo de refuxiados de Qalandia lanzaron pedras, parapetados en barricadas de lume e rodas, sendo dispersados con gases lacrimóxenos e pelotas de goma.
Mentres, no centro de Ramallah, na céntrica praza de Al-Manara, o presidente palestino Mahmoud Abbas daba un pequeno discurso introdutorio no que salientaba que a ocupación non facía máis que alongar a catástrofe e facer máis inseguro o estado de Israel, que depende da independencia palestina para acadar a súa seguridade. Amais, engadiu: “sesenta anos de sufrimento, amargura, opresión, migración, tiranía e ocupación non farán que perdamos a nosa auto-estima nin as nosas expectativas.”
O punto de vista israelí
Do lado israelí, a visita do presidente estadounidense, George Bush, provocou medidas de vixilancia extrema en toda Xerusalén. Todas as rúas achegadas ao hotel onde se aloxaba Bush permaneceron pechadas, e empregáronse centos de policías para velar pola súa seguridade. Ao mesmo tempo, o temor a posibles atentados e as manifestacións convocadas obrigaron a endurecer as medidas excepcionais, con membros do exército patrullando as rúas da cidade.
E tamén dese lado israelí houbo voces que expresaron a súa idea sobre a catástrofe. A ministra de Asuntos Exteriores, Tzipi Livni, afirmou que os palestinos poderán celebrar o seu día de independencia cando borren a palabra Nakba do seu vocabulario. Unha frase que parece recordar as palabras de Ben Gurion: “os vellos morrerán e os novos esquecerán.” Unha palabra que, precisamente, inténtase que non desapareza da memoria colectiva do pobo palestino, e un dos motivos destes eventos. Así, Jamal Juma, coordinador da campaña palestina anti-apartheid contra o muro afirmou que estes actos “amosan que 60 anos de Nakba continuada, masacres, asaltos e represión non foron quen de someter o pobo palestino.”
Despois de 21.916 días da Nakba, as protestas aínda zoaban en Palestina. Na porta de Damasco, na entrada á cidade vella de Xerusalén, varios globos, coas cores da bandeira palestina, foron lanzados ao ceo, á vez que ondeaban bandeiras negras nas mans dos alí convocados, xunto con outras nas que se vían as cifras 194. Este número é o da resolución da ONU que reclama o dereito de retorno de todos os refuxiados palestinos, unha resolución esquecida e ignorada.