A federación veciñal critica que o alcalde lugués promova a concentración de familias de etnia xitana nun só barrio.
Arredor de tres milleiros de veciños do barrio lugués da Ponte, segundo reconto dos propios organizadores, saíron á rúa este xoves atrás dunha pancarta onde podía lerse a frase "Si á integración, pero non aos guetos".
Os veciños consideran que o alcalde da cidade, Xosé Clemente López Orozco, é o máximo responsábel da adxudicación "masiva" de vivendas de protección pública a familias de etnia xitana nesta zona da cidade. Segundo o presidente da asociación de veciños do barrio, Xosé Antonio Vázquez, o conflito podería resolverse modificando o sistema de adxudicación e estabelecendo que as vivendas públicas ás familias xitanas solicitantes se fixesen en diversos puntos da cidade.
A Asociación Pueblo Gitano critica a petición do censo étnico
"Se lles tocan as vivendas é porque cumpriron os requirimentos esixidos pola lei", expón o presidente da Asociación Pueblo Gitano en Galiza, Sinaí Giménez, ao respecto da mobilización dos veciños. "Mentres non se demostre o contrario, somos inocentes, tan inocentes como os paios que viven nos nosos barrios", subliña Giménez.
O colectivo láiase especialmente da polémica petición realizada esta semana pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, desde onde propuxeron crear "un censo de persoas de etnia xitana" asentadas no poboado chabolista da cidade. Din os representantes veciñais que con esa iniciativa se evitaría que a convocatoria de vivendas sociais provoque "un efecto chamada". "A experiencia di que cada vez que hai unha convocatoria de pisos se dá un efecto chamada de individuos de poboados doutras zonas", aseguraba este xoves para Europa Press o presidente da Federación, Xesús Vázquez.