Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MONUMENTOS NATURAIS NA COSTA DA MORTE

Por fortuna, as pedras aínda non se comen

Asociacións e veciños celebran a protección dos Penedos de Traba e Pasarela, ameazados por unha canteira que apoiaba o alcalde de Vimianzo.

Redacción - 12:30 13/05/2008

Puido máis finalmente a preservación dun espazo de alto valor que a simple ambición económica. O Diario Oficial de Galiza deste luns publicou a declaración dos Penedos de Traba (Laxe) e Pasarela (Vimianzo) como monumentos de interese natural. O trámite burocrático sirve para protexer unha zona que se atopaba en perigo xa que unha empresa, co apoio total do alcalde de Vimianzo, pretendía poñer a funcionar alí mesmo unha canteira.

A decisión tómase logo dunha ampla loita veciñal na Costa da Morte. Diferentes asociacións denunciaron por activa e por pasiva que a canteira ía arramplar cun espazo único: un verdadeiro parque xeolóxico, que ademais conserva importantes restos históricos, arqueolóxicos e lendas que xiran ao seu arredor. "Penedos de Pasarela,/ cando vos vexo, penedos,/ sospiro de amor por ela", escribiu o gran Eduardo Pondal. Posteriormente, escritores da talla de Otero Pedrayo, Cunqueiro e máis recentemente Manuel Rivas tamén repararon nesta fermosa paraxe.

Porén, o movemento asociativo a prol da conservación do espazo tamén tivo que aguantar arroutadas como as do alcalde socialista de Vimianzo, Alexandre Rodríguez Lema, que chegou a deixar frases do estilo: “As pedras non se comen” ou “as pedras sempre serviron para facer casas”. Afortunadamente para moitos, as pedras non se comen...

Poden ler na sección de opinión o artigo Camiñando entre penedos, de Manuel Suárez


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: