Un grupo de galegos na diáspora presentou unha denuncia popular perante o ministerio de Xustiza.
O galegoarxentino Gastón Lucas Quiroga impulsou unha denuncia popular perante ao Ministerio de Xustiza do país austral contra a reedición do libro Superchistes gallegos, por atacar a identidade moral e cultural dos galegos. A obra, escrita por Ricardo Parrotta baixo o pseudónimo de Pepe Muleiro, atenta "de forma discriminatoria contra os galegos e galegas e a súa cultura universal".
Á iniciativa sumáronse, ademais, tres representantes do BNG, Ana Miranda, Iago Tabarés e Olaia Fernández, mediante unha carta pública. En función das súas responsabilidades en materia de migracións, trasladáronlle a súa solidariedade á colectividade galega de Bos Aires, e lamentaron que se permita a publicación dun libro que atenta de xeito discriminatorio contra a galeguidade.A petición esixe unha rectificación pública por parte da editora responsábel do libro, no marco das relacións culturais e sociais que mantén Galiza con Arxentina.