Os Centros Sociais da Coruña énchense de actividades de confraternización galaico-catalá. Hoxe cada quen escolle o que quere ser.
As loitas de xénero e do non xénero están a encher de actividades os centros sociais do país. Hai uns días desenvolvíanse accións como as de Mulheres Transgredindo e Nommepisesofreghao, para denunciar a precariedade laboral que viven as empregadas do fogar; ou a xuntanza de colectivos feministas galegos en Ourense, convocada polas Lerchas para compartir experiencias e debater sobre os xeitos de intervención política neste ámbito... Mais agora é o tempo do des-xenere.
E é que toda esta semana xuntáronse na Coruña colectivos "lesbigaitrans" de Galiza e Cataluña convidados por Maribolheras Precárias para participar nunha chea de actividades sobre a deconstrución do xénero.
Actividades todo o día
Houbo palestras e debates na Laboratorio Social Okupado Atocha Alta 14 (LSO AA 14), na Coruña (nas que interviu Alex Casademunt, membro de EOGAIS e professor de Ciencia Política na UAB), mais este sábado segue a festa.
De mañá está organizada unha romería galaico-catalá no Patachim, presentada por Pía de Tolomei na que non vai faltar a queimada. Xa pola tarde, ás 18:00, no CS Atréu, vai haber un taller de deconstrución do xénero e a opción sexual, seguido dunha cea vegana de confraternización. O lema é "libérate e desxenérate!".