Ademais, van celebrar unha nova marcha contra as celulosas, programada para o vindeiro 14 de xuño.
A factoría de Ence, na Ría de Pontevedra
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra anunciou que vai presentar a vindeira semana un recurso contra a decisión da Consellaría de Medio Ambiente de conceder a Autorización Ambiental Integrada (AAI) ás empresas Ence e Elnosa. Este recurso vai servir para reclamar a anulación desta nova licenza, argumentando que existen precedentes noutras zonas do Estado Español.
O colectivo ecoloxista vai desenvolver tamén, unha nova Marcha contra as Celulosas, que ha saír das alamedas de Pontevedra e Marín o vindeiro 14 de xuño ás 20.30 horas.
Hai unha "clara submisión da Consellaría de Medio Ambiente aos intereses de Ence"
O presidente de la APDR, Antón Masa, referiuse, na conferencia de prensa desenvolvida a pasada sexta feira eira de tarde, ao conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, ao PPdeG e ao sindicato CC.OO. criticando os seus argumentos a favor da concesión desta nova licenza, asegurando que os incumprimentos por parte de Ence "son moitos".
Neste sentido, tamén o vicepresidente do colectivo, Benito Andrade, criticou que a lei que regula a concesión desta autorización ambiental fica "baleira de contido" e que a fase de exposición pública e presentación de alegacións é un "paripé". Andrade tamén cualificou de "decisión política" a medida anunciada polo Goberno esta semana, e afirmou que "xa estaba tomada antes" de que se completase o procedemento, ao tempo que denunciaba a existencia de "irregularidades" en todo os pasos dados. De entre estas irregularidades destacou o tempo que durou a tramitación, que chegou aos dous anos, moi por riba dos dez meses estabelecidos para resolver a concesión ou denegación da AAI, dende o día que o solicitou a factoría.
O vicepresidente da APDR tamén denunciou a "clara submisión" da Consellaría de Medio Ambiente "aos intereses da empresa", ao tempo que enmarcaba a redución a tres anos da AAI nunha acción "electoral, para xustificar o compromiso dado aos cidadáns e o acordo de goberno".
Así mantense a situación de degradación da Ría de Pontevedra
Presidente e vicepresidente da APDR coincidiron en sinalar que a concesión da nova licenza ha contribuír a consolidar o complexo industrial de Ence-Elnosa na Ría de Pontevedra, mantendo a súa degradación. Segundo cálculos da asociación, cada día vértense 40 mil metros cúbicos de auga contaminada na zona, composta, entre outras cousas, por mercurio (existen 50 mil quilos deste metal nas cubetas de electrólise da factoría química) e cloro.