A Federación Española de Atletismo escolleuna para facer parte do equipo de maratón, após facer a marca mínima hai case un mes en Róterdam.
Sandra Aguilar
A atleta luguesa, que xa fora excluída da listaxe para o Mundial de Cross 2006, ten agora a oportunidade de desquitarse correndo o maratón nunhas Olimpíadas.
O pasaporte conseguiuno o 13 de abril pasado, após subir ao podio e levar a medalla de bronce no maratón de Róterdam. Ademais, a marca que acadou, 2 horas, 29 minutos, estaba mesmo por baixo da mínima que pedía a Federación española de Atletismo para os seus atletas.
Alessandra Aguilar (Lugo, 1978), aproveitou toda a tempada invernal de cross, na que compite, para se dedicar a preparar o maratón, aumentando as series e os quilómetros para adaptarse a esta disciplina, nova para ela. Agora, preparada coma ninguén, conta con abondas posibilidades.
Esta cuarta feira, en declaracións á Radio Galega, feitas cando se soubo da súa inclusión no combinado estatal, Aguilar dicía que mesmo podían quedar entre as cinco primeiras, segundo o seu adestrador, Fernando Lozano, mais que hai que ter en conta diversos factores, como as condicións climatolóxicas e os cambios de horario entre Galiza e Beixín.
O equipo estatal de maratón
Xa son seis os atletas que están seleccionados oficialmente para as Olimpíadas de Beixín 2008. Son seis fondistas, tres homes e tres mulleres especialistas en maratón: José Ríos, autor da mellor marca estatal do ano; Julio Rey, o plusmarquista estatal da distancia; e Chema Martínez, gañador do Maratón Popular de Madrid.
Nas mulleres, alén de Aguilar (á que denominan, "líder estatal do ano" dende a Federación) esta, Yesenia Centeno, cuarta clasificada no Maratón de Hamburgo; e María José Pueyo, a actual campioa estatal.