Algúns enfrontamentos durante a xornada de votación. Morales insiste en que a sombra dos EUA alenta o "independentismo". O exército critica o referendo nun comunicado.
"A autonomía é para puros ricos", resumía un veciño do barrio Plan 3.000, unha das comunidades máis pobres da área de Santa Cruz, para definir a consulta realizada este domingo na zona máis rica do país. Un exemplo claro do enfrontamento esta fin de semana en Bolivia, onde as aspiracións pro-autonomistas de Santa Cruz se dispararon recentemente ao mesmo tempo e que as clases máis poderosas do país vían ameazada a súa hexemonía e intereses despois do ascenso ao goberno do Movemento ao Socialismo liderado polo presidente Evo Morales.
Os partidarios do "si" xa trasladaron proxeccións de voto segundo as cales o 83% dos votantes manifestáronse en favor da autonomía, fronte a un 16% que elixiu o "non". Enquisas realizadas os últimos días xa prognosticaran que o "si" resultaría vencedor. Con todo, a votación non contou coa participación de observadores internacionais, debido a que o propio executivo estatal cualificara de "ilegal" o referendo. En das próximas, as provincias de Beni, Pando e Tarija celebrarán os seus propios referendos autonómicos.
Nunha declaración pública o presidente Evo Morales quitoulle valor ao referendo, asegurando dispoñer de cifras segundo as cales arredor do 40% dos electores se abstiveron. "Que a nosa chamada sexa escoitada polos prefectos", dixo dirixíndose directamente aos gobernadores rexionais enfrontados ao executivo boliviano, "para garantir autonomía para os pobos, non para os grupos", engadiu Morales. De paso, convidounos a negociar conxuntamente "por unha nova autonomía, baseada no consenso e na legalidade".