José Vidal-Beneyto, nado na localidade valenciana de Carcaixent en 1929, é catedrático de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid. Entre outros cargos, é tamén director do Colexio de Altos Estudos Europeos Miguel Servet de París, secretario xeral da Axencia Europea para a Cultura da UNESCO, membro da Academia Europea das Artes, as Ciencias e as Letras e presidente da Asociación de Usuarios da Comunicación de España.
O seu traballo académico e intelectual está relacionado coa comunicación, a cultura, a globalización e o desenvolvemento comunitario europeo. Colabora habitualmente en El País, Europa Zeitung e Le Monde-Diplomatique.
O fallo deuse a coñecer na mañá deste sábado 3 de maio, na Galería Sargadelos de Ferrol. A entrega oficial do galardón será o próximo 16 de maio, nun acto ao que asistirá o premiado. Ese mesmo día, vaise inaugurar a Praza da Paz Paz José Couso, no barrio de Esteiro de Ferrol.
Durante a conferencia de prensa coa que se deu a coñecer o gañador desta cuarta edición, o decano en funcións do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Vega, aproveitou a data deste 3 de maio, Día da Liberdade de Expresión, para reunir nunha soa acepción a liberdade de prensa e a liberdade de expresión, e reflexionar que "para un xornalista só pode ser entendida como unha sucesión de deberes: o deber de saber o que pasa, o deber de contalo e o deber de chamarlles ás cousas polo seu nome". Vega tamén alentou ós xornalistas a expresarse "libre e honestamente, conscientes do diminuta que é a nosa forza, pero conscientes tamén de que, cando quedamos calados ou adormecidos, o que empurra en sentido contrario non descansa e, sen que nos decatemos, estanos facendo recuar no camiño da liberdade que dicimos defender".
Máis información no
portal do Colexio de Xornalistas de Galicia e na web do
Premio Xosé Couso.