Agresivo debate cara ás eleccións directas o 31 de maio e o congreso de comezos de xuño, despois da saída de Luis Filipe Menezes.
A ex ministra Manuela Ferreira Leite, unha das favoritas
A ex ministra Manuela Ferreira Leite é a última en confirmar que aspira a liderar o PSD cara ás próximas eleccións xerais en Portugal. Manuela Ferreira Leite, economista de 67 anos, foi ministra de Educación no goberno de Cavaco Silva entre 1993 e 1995. Posteriormente, ocupou a carteira de Finanzas no treito 2002-2004.
Ferreira Leite achegouse este martes á sede do partido para presentar oficialmente a súa candidatura. "Considerando a dimisión do presidente do PSD e a crise aberta no partido, infórmolles aos militantes e cidadáns a miña decisión de candidatarme á presidencia do partido", adiantara hai poucos días. Actualmente é membro do Consello de Estado, posto para o que foi escollida polo presidente da República, Cavaco Silva. Ferreira Leite conta co apoio do presidente da Cámara do Porto, Rui Rio, do presidente da Cámara de Tavira, Macário Correia, do fundador do PSD Miguel Veiga, do ex-secretário de Estado Pais de Sousa e dos comentadores políticos televisivos afíns ao PSD, Pacheco Pereira e Marcelo Rebelo de Sousa.
Anteriormente xa anunciaran a súa candidatura ao liderado da principal formación da dereita portuguesa os militantes Pedro Passos Coelho, ex-líder da JSD e antigo vice-presidente do partido, que conta co apoio maioritario do PSD/Porto; o deputado Mário Patinha Antão e Neto da Silva, ex-dirigente do PSD e professor da Universidade Católica Portuguesa. Tamén Pedro Santana Lopes, quen fora primeiro ministro entre 2004 e 2005, confirmou esta semana que non renuncia a presentar finalmente unha candidatura para a que contaría entre outros co apoio de Alberto João Jardim, presidente do goberno rexional de Madeira, e que mesmo aventurou anteriormente a posibilidade de presentarse el mesmo.
O PSD fixou eleccións directas para a escolla do líder do partido o 31 de maio. Posteriormente terá lugar o congreso que elixirá o conxunto dos novos órganos de goberno, e que se celebrará en Guimarães, entre 6 e 8 de xuño.