A depuradora duplica o seu ritmo de procesamento para facerlle fronte ao escape de gasóleo, ao tempo que recoñece que o vertido se detectou hai cinco días.
A Confederación Hidrográfica do Miño, CHM, informou este martes de que o fuel vertido dos depósitos da Administradora de Infraestruturas Ferroviarias, Adif, xa chegara á canle do Miño, malia explicaren que o fixo en cantidades "moi diluídas" e aseguraren que non causará impacto no contorno. A CHM comunicou ademais que se mantén unha "vixilancia activa" nas augas do Miño para ter a seguridade de detectar inmediatamente calquera concentración anormal de hidrocarburos que puidese rexistrarse.
Doutra volta, responsábeis de Sogarisa, empresa especializada na xestión de residuos específicos en Galiza, tomaban mostras dos residuos durante a mesma xornada na depuradora ourensá, coa fin de deseñar o proceso de tratamento ao que os someterán na planta d'As Somozas. Tamén, desde o Concello de Ourense, informaban de que Aquagest continúa con mostras sobre a auga depurada "cada hora" e asegurando que até o momento as analíticas "son normais en todos os parámetros".
O BNG pide explicacións no Senado
Xosé Manuel Pérez Bouza, senador do BNG, solicitou a comparecencia na Cámara Alta do presidente da Adif, Antonio González Marín, para que aclare as circunstancias nas que se produciu a vertedura de máis de 50 mil litros de gasóleo dende os talleres que o ente ten no barrio ourensano de Oira.
Pérez Bouza reclamou ademais que González Marín explique por que a Adif non informou publicamente do incidente, "a pesar do risco ambiental que supoñía", xa que a vertedura podería rematar, como así o fixo finalmente, no río Miño. Pérez Bouza recordou que o Ministerio de Medio Ambiente xa denunciou nun informe do ano 2006 que os talleres de Renfe en Ourense eran "un foco de contaminación de proporcións alarmantes" do río Miño.