O mellor triatleta do mundo correu na casa e, a pesares de non sentir as dedas dos pés nin os pés en si mesmos durante parte da carreira, seguiu a ser o mellor.
O sábado 19 de abril disputouse en Pontevedra a primeira proba da Copa de Europa Premium que acollía Galiza, nunhas condicións climatolóxicas máis do que adversas. En Vieiros estivemos a pé de rúa, e mesmo de río, metendo a cámara nos pés dos triatletas e contando todo o que pasaba debaixo da choiva.
O mellor triatleta do mundo, o ferrolán Javier Gómez Noya, tamén estaba alí, e estaba tanto e tan presente que, a pesares de tropezar unha vez (ao picar unha roda da bicicleta que case lle fixo perder un minuto na carreira) gañou a proba moi sobrado, mesmo volvéndose, para aplaudir ao público, antes de atravesar a liña de meta.
Agora cóntao na súa web, e comeza destacando o elevado número de persoas que se botaron á rúa en Pontevedra para seguir a proba ("cifras oficiais falan de entre 30 mil e 35 mil persoas, que non está mal para unha cidade de apenas 80 mil"), e o frío que facía, contrastando co cálido apoio da xente: "foi o triatlón no que máis frío pasei debido ás adversas condicións climatolóxicas e a un río Lérez que baixaba frío coma nunca. Pero no que máis calor sentín por parte dun público que desafiou as adversidades e se lanzou á rúa a animar aos triatletas".
Sen sentir as mans e os pés
Após describir como ía perdendo a sensibilidade en mans e pés (primeiro no río, onde se sorprendeu, ao ver que ía primeiro en nada, e que os de atrás "estaban ficando cortados, polo que me animo pouco a pouco e subo o ritmo"), conta o momento no que picou a roda, após seis voltas de fuxida, cunha "escasa vantaxe e sendo consciente de que o grupo había botárseme enriba (non tiña ningún interese en tentar a aventura en solitario)".
A temperanza de Gómez Noya
A temperanza e a capacidade para resistir de Gómez Noya reflíctese parágrafo a parágrafo no seu texto, dende que se lle estraga a bicicleta até que espera, pacientemente, a ir sentindo os pés, pouco a pouco, na carreira polo casco vello pontevedrés, para ir adiantando, friamente e un a un, aos seus principais rivais.
Así o contou: "A carreira a pé foi lenta. Comecei tan frío que non sentía nada de xeonllos para abaixo, así que empecei a un ritmo tranquilo (...) Sabía que lles habíamos dar caza aos fuxidos e non tiña moita présa. A carreira estaba atrás. Unha vez volvín sentir o chan, púxenme a correr máis rápido e marchei só. Cacei aos fuxidos e entrei na meta coa suficiente vantaxe como para agradecer ao numeroso público o seu apoio. Foi unha sensación incríbel, púxoseme a pel de pita ao entrar na meta e despois, no podio, vivín un dos mellores momentos da miña carreira deportiva cun público que enchía o pavillón do CGTD e que me deixou realmente impresionado".