O vindeiro 14 de xuño terá lugar un acto en Compostela para recoñecer publicamente a súa traxectoria.
Gonçales Blasco
Luis Gonçales Blasco, máis coñecido por “Foz” (municipio no que naceu) vai ser o protagonista dunha homenaxe que se celebrará o sábado 14 de xuño en Compostela. Co tributo, diferentes persoeiros da vida política e cultural galega queren recoñecer a aportación de Gonçales Blasco á historia do nacionalismo galego das últimas décadas. Os actos comezarán ás 17 horas no Instituto Arcebispo Xelmírez. No acto, que presentará a actriz Comba Campoi, tomarán a palabra Xosé Luís Méndez Ferrín, Antón Moreda, Antón Arias Curto, Xesús Sanxoás, Margarita Ledo, Manuel A. Fernández Domínguez, Xan Carlos Ánsia, Bernardo Penabade, Charo Lopes, Eoín O´Murcho (Sinn Fein) e Hervé Grall (UDB). Tamén acturán o artista Miro Casabella, Tino Baz, A Quenlla e Na Virada. Finalmente, ás 22.30 horas, celebrarase unha cea no restaurante do Auditorio de Galiza.
Gonçales Blasco, nacido en Foz en 1941, formou parte do Consello da Mocidade (1962-63). Pouco despois, en 1964 foi un dos fundadores da UPG. En 1974, como representante deste partido, foi un dos asinantes da Carta de Brest. Catro anos despois abandona a UPG e intégrase no Partido Galego do Proletariado. En 1987 participa na fundación da FPG, organización que deixaría dous anos despois para incorporarse á Assembleia do Povo Unido. Coa desaparición desta organización, “Foz” deixa a primeira liña política para centrarse no eido laboral (é profesor de ensino medio). Porén, na actualidade colabora en diferentes entidades sociais, como a Asociación de enfermos mentais “Aluvión”.